30/3/09

Actividades TIC: "Abril, mes dos libros"



Con motivo da celebración o 2 de Abril do Día Internacional do Libro Infantil ;
Durante todo o mes de Abril, dende a Biblioteca, organizamos unha serie de actividades relacionadas con estas celebracións.

Unha delas será a realización de Actividades TIC .


Propomos tres actividades orientadas ao 3º ciclo:


Unha "miniquest" que nos chega dende o equipo de biblioteca do CEIP Quintela en Moaña.

Preme na foto para acceder á miniquest.

Unha "procura do tesouro" elaborada no noso colexio. A súa tarefa final é a realización dun cartel para conmemorar o "Día Internacional do Libro":

Preme na imaxe para ir á "procura do tesouro"

E un xogo no que podes por a proba os coñecementos adquiridos sobre a celebración do 23 de Abril: "Día Internacional do Libro"


29/3/09

27 de Marzo: "A MAXIA DO TEATRO"

O Día Mundial do Teatro foi creado en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI) e celébrase anualmente o 27 de Marzo.
Todos os anos unha personalidade de dimensión mundial redacta unha mensaxe.
Este ano, a tradicional mensaxe é pronunciada polo dramaturgo e director de teatro brasileño Augusto Boal . Entre outras cousas di:

"Actores somos todos nós, o cidadá non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!”

Con este motivo organizamos no colexio unha representación teatral escenificada por alumnos de 3º e 4º curso de primaria e titulada:
"CARDITO CARACOL"

Premendo na imaxe podes acceder a uns consellos para facer teatro e pautas para a posta en escea desta obra: personaxes, vestiario, maquillaxe, música ...


NORABOA A TODOS OS ACTORES E ACTRICES QUE PARTICIPARON NESTA OBRA DE TEATRO E QUE NOS FIXERON PASAR UN RATO TAN DIVERTIDO!!!

24/3/09

POESÍA: "A cor das Palabras"

Palabras AZUIS para falar do ceo, do mar e, mesmo, do vento...
Palabras VERDES para falar dos campos, das ilusións, das esperanzas...
Palabras AMARELAS para falar da luz, do sol, do agarimo...
Palabras NEGRAS para falar de guerras, de aldraxes, de tristura...
Palabras LARANXAS para falar do tempo, de risas, de amizade, de xogos, de apertas...
Palabras GRISES para falar de enfados, de egoísmos, de tronos, de treboadas, de invernos...
Palabras VERMELLAS para falar..., para falar, de amor!
Antonio García Teijeiro.

22/3/09

DONA PRIMAVERA E DONA POESÍA .


Con motivo da celebración o 21 de marzo do "DÍA MUNDIAL DA
POESÍA" dende a Biblioteca convocamos un certame de Recitado de Poesía.
Se queres participar, terás que elixir un poema dun dos libros
expostos á entrada do colexio ou tamén pode ser un poema de creación propia.
· O recitado pode ser individual ou en grupo.
· Os/as que queiran participar terán que anotarse o luns na biblioteca.
· O certame comezará, o martes día 24 .
· Lugar: RECANTO DOS CONTOS.
· Na “HORA DE LER”
· Haberá agasallos para todas/os as/os participantes.
· O mellor RECITADO POÉTICO recibirá un agasallo especial.

. O xurado estará formado por mestres e alumnas/os elixidas/os por sorteo.

Tamén con motivo da celebración o 21 de Marzo do "DÍA DA ÁRBORE" aproveitamos para elaborar dende a Biblioteca un traballo recompilatorio de todas as actividades que ata agora fixemos en torno á "NOSA PLANTACIÓN".


Comezando polas charlas previas á plantación, impartidas na Biblioteca polos membros de AGFA Eume (Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume), pasando polos traballos de aula: debuxos, poesías, procura do tesouro ... e por suposto, as nosas árbores e os seus coidados.




Tampouco podemos esquecer que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a resolución pola que o 22 de marzo de cada ano foi declarado
"Día Mundial da Auga."
Este ano o lema é:

"Sin importar en que parte de la corriente nos encontremos, todos compartimos el mismo barco."

Preme na foto para obter mais información.



14/3/09

FALANDO DE IGUALDADE.

O venres día 13, xuntámonos na sala de usos múltiples, dende E. Infantil ata 6º curso de Primaria, para falar de "IGUALDADE".
Os alumnos/as do 3º ciclo explicáronnos o significado do "Día Internacional da Muller" e contáronnos que estiveron traballando nunha Caza do Tesouro que lles propoñía como tarefa final, elaborar por grupos un decálogo co título:
"A IGUALDADE ENTRE HOMES E MULLERES, UN SOÑO POSIBLE SE..."
Dous deses decálogos foron seleccionados: o decálogo que elaboraron Fátima e Laura de 5º curso e o que fixeron o grupo formado por: Lucía de 5º curso e Sofía, Rocio, María e Lucía de 6º curso.



A continuación as alumnas e alumnos de 2º ciclo léronnos parte do conto titulado: "LA CENICIENTA QUE NO QUERÍA COMER PERDICES"

Despois desta lectura. Adicado aos mais pequenos/as o vídeo: "VIEJOS CUENTOS, NUEVOS FINALES"


Para rematar un vídeo homenaxe a todas as mulleres.


13/3/09

NAIS E FILLAS

Abad retrata as diferencias sociolaborais de nais a fillas na exposición «(m2)»
Xosé Abad inaugurou o 6 de marzo unha interesante exposición fotográfica, na Sala da Fundación Caixa Galicia, Rúa Médico Rodríguez, 2-4 de A Coruña.
Este traballo expositivo de fotografía, libro e audiovisual, ten como finalidade retratar e presentar ao público dúas imaxes das mulleres a través de dúas xeracións, que, sen estar moi distanciadas no tempo reflicten una diferenza laboral e sobre todo vital.
A intención do autor e mostrar este salto xeracional a través do retrato de nais e fillas.
Así mesmo esta exposición ten o valor de recoller as imaxes e os testemuños dunhas mulleres, as nais, con experiencias, traballos e formas de vida que van quedando distantes no tempo, e incluso son, no caso dos máis mozos, descoñecidas.

Enlace a web de Estudio Abad

11/3/09

REFORMAS NA BIBLIOTECA.

Dende principio de curso fóronse introducindo melloras na biblioteca. Este é o resultado das reformas que pouco a pouco se foron facendo.


9/3/09

GRAFFITI no "Recanto dos Contos"

Grazas ao aumento de presuposto da biblioteca, pola inclusión no PLAMBE, durante este curso puidemos materializar un proxecto que tiñamos en mente dende fai algún tempo.

Non temos posibilidade de aumentar o espazo físico da biblioteca, e cando queremos reunir a un grupo numeroso de alumnos e alumnas, sobre todo para algunhas actividades conxuntas, quédanos moi pequena.

Entón decidimos crear ese espazo, chamado "Recanto dos Contos", nun soto, que nun principio foi un ximnasio e últimamente quedara convertido nun almacén de mesas e sillas.

Comezamos pintando e poñendo unha iluminación adecuada e pensamos nun graffiti para decoralo, e aí temos a Abraham mans á obra. Os resultados saltan á vista, nós estamos encantados, xa case está preparado.

Pensamos que Abril pode ser un bo mes para a súa inauguración.
Dende aquí queremos darlle a NORABOA a Abraham polo seu traballo.

GRAFFITI no "Recanto dos contos" on PhotoPeach



8/3/09

"A VIDA ESCRITA POLAS MULLERES"

Dende o blog "Trafegando Ronseis" chéganos este estupendo traballo sobre escritoras de todos os tempos.


"A MULLER ANÓNIMA" II

Anos cincuenta. Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ó taller no que serán aprendizas e logo, se lles aproveita o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.

Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de produción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... están nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (A miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes) Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ó volver ás súa, coserán toda a roupa da familiar.


O seu traballo ten ademais un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos supoñen unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... ¡non hai peza que se resista!

Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Auténticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.

Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche, do piso recén adquirido, pagar...
Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas estranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.

Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á produción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.

Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da confección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.
Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.
TEXTO DE OLGA - CEIP MILLADOIRO, Malpica.
Hoxe en día nalgúns países como Togo aínda as mulleres costureiras supoñen a salvación da economía familiar.


FELIZ DÍA DA MULLER!!!

7/3/09

"A MULLER ANÓNIMA"

A MULLER ANÓNIMA

Mulleres que todo o facían cun sorriso nos beizos, mulleres que
traballaban de sol a sol nas eiras, sementando e recollendo os
froitos da terra, cruzando os montes neses chuviosos días de
inverno, lavando roupa á beira do río, camiñando pola lama coa
pesada carga ó lombo entre a brétema e o frío que chegaba
ata ós osos, cociñando ricas comidas co pouco que tiñan...

Mulleres que traballaban fóra e dentro da casa, usando a
gadaña e o fouciño nas tarefas agrícolas coas mesmas mans que
sostiñan no colo ás fillas e fillos, cun canto de berce á calor da
lareira.

Mulleres que todo o facían cantando, que daban todo polos
demais, mulleres fortes por fóra pero cun corazón moi grande
por dentro, viúvas de vivos e viúvas de mortos.

Mulleres que viron partir ós seus homes e fillos á emigración,
quedando ao coidado das casas, esperando días e anos as
cartas que traían as noticias de América, deses seres amados
que en moitos casos non viron nunca máis.
Muller, nai, filla, labrega, marisqueira...

"Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará".
ROSALÍA DE CASTRO, "FOLLAS NOVAS", 1880
Este texto forma parte dun material que foi enviado á noso Centro polo CONSORCIO GALEGO DE SERVICIOS DE IGUALDADE E BENESTAR para traballar o "Día Internacional da Muller". Durante todo este curso 2008/09 dúas monitoras que pertencen a esta entidade están impartindo un obradoiro de "Igualdade" para as alumnas e alumnos do terceiro ciclo.
Dende aquí queremos darlles as grazas e os nosos parabéns polo seu traballo.

6/3/09

DE LIBROS PARA A IGUALDADE...


Dende o equipo de Biblioteca decidimos que o libro do mes de marzo, con motivo da celebración do "Día Internacional da Muller", será:

"LA CENICIENTA QUE NO QUERÍA COMER PERDICES"

Por primeira vez, o libro proposto como libro do mes, témolo só en formato dixital, os alumnos e alumnas que o queiran ler, farano nese formato. Terán á súa disposición a aula de informática e os ordenadores da biblioteca durante o tempo de recreo, na "hora de ler" e polas tardes: martes, mércores e xoves de 16.30 a 18 horas.







Na vindeira semana e como presentación
do libro, os alumnos/as do 2º ciclo
farannos unha lectura colectiva
para todos os seus compañeiros e
compañeiras.









Na entrada do colexio temos unha exposición de libros :

"LIBROS PARA A IGUALDADE"


Tamén elaboramos unha pequena guía de lecturas coeducativas en galego.

Preme na imaxe para acceder á guía de lecturas

3/3/09

RECURSOS COEDUCATIVOS."Día Internacional da Muller"

Con motivo da celebración do "Día Internacional da Muller" o 8 de Marzo, facemos unha relación dos recursos que dende a Biblioteca propoñemos para traballar a Coeducación :
  • En primeiro lugar unha fantástica webquest elaborada por Olga, a encargada da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, titulada: "Mulleres na Historia de Galicia".

Preme na imaxe para acceder á webquest.

  • No noso colexio elaboramos unha "Procura do Tesouro" titulada:

"Día Internacional da Muller Traballadora"

Preme na imaxe para acceder á "Procura do Tesouro".


  • E por suposto incluimos unha relación de LIBROS COEDUCATIVOS que están á vosa disposición na Biblioteca :





Outros enlaces a LIBROS COEDUCATIVOS:



Tamén podemos escoitar a narración do conto (Vía O Recanto de Mik):


Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails