Este ano as nosas recomendacións de lecturas polo Nadal, en formato calendario. Dentro tedes un libro esperando por vós. Entrade, mirade e seguro que o atoparedes. Clica na foto:
O mércores 4 de decembro, recibimos no colexio a visita de Caxoto Contacontos. Acudiu para pasar revisión médica entre o alumnado do Centro, e detectar e erradicar o Virus Vacilón de Mach ...., principal causa da enfermidade do Machismo. Receitounos unha pócima que a tod@s nos pareceu moi apetecible:
"Contos vellos, novos finais".
Pasamos un rato moi divertido, e dende logo quedamos vacinados contra o machismo. Deixámosvos o enlace á súa páxina en facebook:
O mércores 6 de novembro, tivo lugar a primeira xuntanza do Grupo Plambe-Ferrolterra no Segrel do Penedo, a Biblioteca do IES de Fene, onde a nosa compañeira e amiga, Loly Lago, acompañada por algúns dos membros do equipo da Biblioteca, fíxonos un estupendo recibimento, con café e lambonadas incluídas.
Aquí vos deixamos o enlace á reportaxe do Segrel, que recolle o que alí falamos e acordamos.
Este curso, xuntámonos no Recanto dos Contos para:
Ver un vídeo, que traducimos ao galego, e que se titula: "Because I'm a girl", "Porque son unha nena". María, do 5º curso, foi a encargada de ler o texto.
Para rematar, entregamos un par de lentes a cada alumn@ do centro, tanto nenas como nenos. De maneira simbólica, en relación ao conto dos bonobos, para recordar que todas e todos temos os mesmos dereitos.
A Deputación da Coruña a través da Área de Normalización Lingüística financia un espectáculo poético teatral organizado pola Editorial Embora en colaboración co Teatro dos Ghazafellos e a escritora María Canosa. Baseado no libro de poemas "Acuario" de María Canosa presentan un recital dramatizado para que as nenas e nenos se acheguen á poesía e a unha sinxela escenografía. Todo elo con descricións rítmicas sobre os peixes e unha pequena historia ao redor da fauna mariña do noso litoral. A este espectáculo que tivo lugar na Casa da Cultura de Pontedeume asistiron as alumnas e alumnos do 1º ciclo de Primaria. Parabéns aos organizadores desta actividade e por suposto á autora e actores e actrices que nos fixeron pasar un tempo tan divertido.
O pasado 25 de outubro, tivo lugar na Casa da Cultura de Pontedeume, a presentación do libro O CASTIÑEIRO DE ABRIL do escritor eumés ANTONIO MANUEL FRAGA, Premio Merlín 2013. O acto contou coa participación de Antonio Seijas (ilustrador do libro), Gabriel Torrente (alcalde de Pontedeume) e de Manuel Bragado (director de Xerais).
O Concello de Pontedeume, a través da Concellería de Educación, agasallou ao noso centro coa doazón de dous exemplares deste libro para a nosa Biblioteca.
Seguindo o noso proxecto anual "Andrade Medieval" deseñamos entre tod@s un MERCADO MEDIEVAL.
Nas clases de Plástica elaboramos un estandarte representativo de cada curso, e fixemos vidrieiras para decorar as fiestras. Ademáis o alumnado de cada curso elaborou receitas con froita de outono, sobre todo, con mazá autóctona. Tamén as familias colaboraron na elaboración de postres con froitos secos, cabaza e mazás. Como resultado final, temos unha recompilación de receitas por cada ciclo.
Antes da degustación de tan saborosos manxares, tivemos un torneo de xogos populares. Na biblioteca, expusemos unha selección de "Libros sobre o medievo" e unha webquest titulada: "Hábitos saudables".
Para rematar, os premios para as tres cabazas mellor decoradas e para os mellores cestos de froita.
Aquí deixamos o enlace aos traballos de cada un dos ciclos.
Este curso comezará a funcionar no colexio un Recanto de Lecturas Compartidas para toda a Comunidade Educativa (nais/pais, mestres, persoal de limpeza...).
Este recanto está situado á entrada do colexio. A idea é que cada persoa que queira participar, deixe un libro e colla a cambio outro dos libros que están nas estanterías.
É un xeito de compartir lecturas e liberar esos libros que temos nos estantes das nosas casas. O lema será:
“O pracer de ler é dobre cando se vive con outras persoas coas que compartir os libros.” Katherine Mansfield
Para conmemorar o día da BIBLIOTECA, tamén fixemos entrega das Mochilas Viaxeiras, cun novo contido moi interesante: Música, receitas e por suposto para contribuir ao noso proxecto "Andrade Medieval" non podían faltar libros relacionados con lendas, castelos, famosos personaxes desa época...
Aquí tedes o contido da Mochila de cada curso. Esperamos que vos guste e que o disfrutedes en familia.
Dende o blog da Asesoria de Bibliotecas Escolares de Galicia chégannos 9 vídeos de boas prácticas, entre os cales está o da nosa Biblioteca. Éste é o enlace:
O mércores 23 recibimos unha carta da nosa mascota, era unha invitación para celebrar o "Día da Bilioteca" tod@s xunt@s no Recanto dos Contos. Raioteca deunos a Benvida, falounos do novo proxecto que iniciamos este curso: "Andrade Medieval". Entregounos as Mochilas Viaxeiras, e tíñanos preparada unha sorpresa, un fermoso conto titulado: "O Claro do Bosque" que leron os alumnos e alumnas do 3º ciclo. Antes de rematar tamén deu as grazas aos encargados e encargadas que tanto colaboran no bo funcionamento da Biblioteca.
O venres 11 de outubro acudimos ao salón de actos do CEIP Couceiro Freixomil para asistir a un espectáculo representado pola compañía "A Tropa de trapo" e titulado:
ANTÍA, WAMBA E O REGATO PEQUENO é un espectáculo cheo de música e historias que nos fai reflexionar sobre valores e esperanzas para un cambio posible, para un mundo máis xusto. Esta actividade é organizada polo concello e nela puido participar todo o alumnado do 2º ciclo de Primaria dos colexios de Pontedeume.
Grazas aos compoñentes desta tropa, Marta e Brais, por facernos pasar un rato tan divertido.
Neste curso 2013/2014 contamos cun bo número de colaboradores na Biblioteca. Tiveron que asinar un compromiso, recibiron unha identificación e os turnos para este primeiro trimestre. Se tedes algunha dúbida podedes consultar AQUÍ.
Comezamos unha nova andadura. Como en anos anteriores, todo o alumnado do colexio pasa estos días pola biblioteca para recordar as normas de uso, horario, emprestitos, distribución dos espazos, presentación do novo equipo de alumnos/as colaboradores, club de lectura, hora de ler. Previamente tivemos unha reunión coas titoras ás que lles entregamos unha carpeta que contén:
No primeiro trimestre deste curso 2013/2014 estamos inmersos nun proxecto totalmente relacionado co noso entorno:
"ANDRADE MEDIEVAL"
Como tod@s sabedes a vila de Pontedeume adquiriu gran protagonismo durante o medioevo grazas aos Condes de Andrade quedando daquela época un importante patrimonio monumental.
Dende a Biblioteca estamos elaborando unha selección de material e actividades relacionadas con este proxecto. Xa vos iremos dando conta de todo.
Clica neste enlace para acceder a unhas fermosas fotos do castelo de Andrade, que temos moi preto do noso colexio:
Neste mes de xuño continuamos co proxecto de "Apadriñar a un lector".
O alumnado do 3º ciclo e de 4º curso de Primaria comparte lecturas coas nenas e nenos de Educación Infantil, 1º ciclo e
3º curso de Primaria.
Os padriños e madriñas preparan o conto que lle van ler aos seus
afillad@s e ao día seguinte, na "Hora de
Ler", acoden ás aulas a buscalos. Os padriños e madriñas elixen o libro e o lugar onde queren estar. Pode ser en calquera sitio do colexio.
O xoves 30 de maio, tivemos no colexio a actuación da Asociación Musical "Musicreques".
Como elas mesmas contan no seu blog: O espectáculo “As aventuras de Quebranoces” consiste na representación con teatro de monicreques dunha historia, de guión propio, baseada no conto “Quebranoces e o Rei do Ratos” (escrito por E. T. A. Hoffmann), mentras se interpreta en directo ao piano a música da Suite “O Quebranoces” de P. I. Tchaikovsky. Da man dos monicreques, os nenos e as nenas poderán coñecer distintos intrumentos musicais, as distintas familias instrumentais, que é o ritmo, a melodía e a harmonía, aprenderán a bailar un vals, etc. Ademais do espectáculo de música e monicreques, a Asociación ofrece tamén, aos centros educativos que participen co seu alumnado, unha Guía Didáctica para a realización de actividades complementarias previas e posteriores ao Concerto Didáctico. As artífices desta actividade son dúas profesoras do Conservatorio de música de Ferrol, Alma e Loreto. A nós parécenos un espectáculo moi completo porque combina teatro de monicreques, música en directo, audiovisual e por suposto a maxia que encerran os contos. Dende aquí queremos darlles os nosos parabéns por esta iniciativa que seguro vai ter moito éxito.
LETRAS GALEGAS 2013 (Debido a que non tiveron tempo suficiente para os ensaios, quédanos pendente para o 14 de xuño a actuación teatral do 3º ciclo coa obra "Touporroutou da lúa e o sol")
Este ano, para celebrar os maios no colexio, fixemos unha alfombra floral. A que non sabedes cal foi a temática?, non podía ser outra, "Os Bechos Pequerrechos" de María Lires. Traballamos tod@s preparando as flores, o verde e tamén empregamos area. Cando rematamos, xuntámonos e cantamos cantigas de Maio acompañados polo son da gaita que nos tocou a profe Matilde. Grazas Matilde!!! Aquí deixamos unha pequena reportaxe:
Comeza maio, o mes das letras. As nenas e nenos de Andrade prepáranse para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, e que mellor maneira, que mediante a representación teatral dunha das súas obras: "Touporroutou da lúa e do sol". De momento, iniciamos os ensaios, xa vos iremos contando...
Mentras tanto, podedes ir recompilando información nesta presentación, elaborada por Quini Freixeiro, mestre do CEIP Conde de Fenosa , para poder respostar ás seguintes preguntas.
o xoves 25 de abril, recibimos a visita de María Lires. Xa sabedes que é a ilustradora do libro que lle da nome á nosa biblioteca: "Soños de andel", pero tamén de moitos outros libros de literatura infantil e xuvenil, cos que estivemos traballando na área de Ed. Artística. Aquí tedes un enlace á listaxe deses libros: Libros María Lires. En primeiro lugar, xuntámonos no Recanto dos Contos e despois de que os alumnos e alumnas do terceiro ciclo fixeran a presentación, quixemos agasallar a María coa representación do seu libro: "Bechos Pequerrechos". Participaron moitas nenas e nenos de diferentes cursos, e ademáis elaboramos uns monicreques, que cobraban vida, movidos polo alumnado de 4º curso. Foi moi divertido, e pasámolo moi ben. Despois, as alumnas e alumnos de 6º curso, fixéronlle unha entrevista con preguntas moi interesantes. Para rematar, cantamos dúas cancións, unha adicada aos bechos pequerrechos: "Estes son bichiños con algo especial" e outra adicada á nosa amiga María: "María e a poesía". Este acto serviunos de colofón para o remate da segunda parte do proxecto AS CORES DE GALICIA, adicado este segundo trimestre ás ilustradoras galegas, e en especial a María Lires.
Diego, Paula, Verónica e Alejandro preséntannos estas catro adiviñas que podes atopar no libro: "QUEN SON? , unha nova adquisición da nosa Biblioteca. Neste libro non só atoparás catro, senón un montón de divertidas adiviñas.
Dende a Biblioteca das palabras Máxicas, no CEIP de Oca, chegounos hai algún tempo unha actividade titulada "Ler faiche ben", nós o que fixemos foi poñerlle unhas imaxes e un nome a este medicamento tan recomendable. Seguide atentamente as recomendacións que nos len estes nenos e nenas no Recanto dos contos: