27/6/09

MOMENTOS 08/09



O luns día 22, último día de clase, tivemos a festa de fin de curso. Ao remate fixemos a entrega de diplomas aos graduados/as de Educación Infantil e aos de Educación Primaria. Aproveitamos tamén para entregar un diploma aos encargados e encargadas de biblioteca en recoñecemento ao seu traballo.

Aquí vos deixamos unha reportaxe dalgúns dos mellores momentos deste curso 2008/09.
O equipo de biblioteca do CEIP de Andrade deséxavos a todas e todos unha felices vacacións de verán, moita saúde e boas lecturas.


MOMENTOS 08/09, Biblioteca CEIP de Andrade. on PhotoPeach
Preme no recadro da dereita e verás o vídeo en pantalla completa.



26/6/09

"MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA..."


Os nosos bonecos sacapenas están listos para emprender unha longa viaxe, fixémolos con toda a ilusión de que alí onde vaian servan para que eses nenos e nenas de Gaza sexan un pouco máis felices.

23/6/09

TÍTULOS DE CONTOS...

O ENDL xunto co Equipo de Biblioteca propuxemos rotular todas as aulas e dependencias do colexio, houbo varias suxerencias: nomes de plantas autóctonas, autores galegos, palabras fermosas, lugares do concello..., pero a máis votada foi a proposta de empregar títulos de contos significativos para os nenos e nenas do cole.

Se clicas nesta foto poderás ver todos os títulos que resultaron elixidos.

Xa imaxinades cal é o título que lle corresponde á Biblioteca:
"Soños de andel"
de Susana Lamela con ilustracións de María Lires.

O vindeiro curso intentaremos contactar con esta escritora, mestre de Ponteareas, para que se é posible veña inaugurar a nova rotulación da nosa biblioteca.

19/6/09

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN.

PREME NA IMAXE

13/6/09

LECTURAS COMPARTIDAS.

Unha das actividades programadas polo Equipo de Biblioteca para este último trimestre é:


LECTURAS COMPARTIDAS:

As alumnas e os alum
nos do 3ºciclo lles leron aos alumnos/as de cursos inferiores, pero tamén os pais, nais ou familiares viñeron ao colexio e lles leron aos nenos e nenas un conto, unha historia ou un relato que puideron traer da casa ou elixilo entre os libros da nosa biblioteca.
Nesta ocasión, Rosa, a nai de Marina e Diego, leunos o conto:

Un rei ambicioso e ruín que pasa as horas contando as súas riquezas; un home e unha muller máis pobres que as arañas; unha aldea de labregos enganados polo monarca; e unha pota que vai dun sitio a outro apañando e repartindo entre os máis desfavorecidos o que, en xustiza, lles corresponde.
Moitas grazas pola túa colaboración!!!

SE QUERES VER A PRESENTACIÓN EN PANTALLA COMPLETA PREME NO RECADRO DAS FRECHAS DO LATERAL DEREITO.


11/6/09

O TREN DA LINGUA.

Un ano máis Caixanova volve organizar viaxes curtas en tren para grupos de nenos/as de entre 5 e 8 anos de diversos colexios de toda Galicia. A semana pasada os alumnos e alumnas do noso colexio viaxaron no tren da lingua dende Ferrol ata Betanzos.
Durante a viaxe houbo grupos de animación e conta contos dispostos a incentivar o uso do galego entre os rapaces.
O proxecto trata de que “os nenos descubran o pracer de viaxar en tren, coñezan Galicia a través das súas fiestras e que se acheguen á cultura e o idioma galego dunha forma activa e visual” segundo palabras do director de Relacións de Caixanova.


1/6/09

HOMENAXE A RAMIRO FONTE.

Ramiro Fonte Crespo, nado en Pontedeume en 1957 e falecido en Barcelona o 11 de outubro de 2008, foi poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega. Foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo (1977). Como narrador deuse a coñecer en 1986 co relato "O retornado", Premio Pedrón de Ouro.
Foi membro correspondente da
Real Academia Galega. Nos últimos anos da súa vida foi director do centro do Instituto Cervantes en Lisboa. Se queres saber algo máis sobre a súa vida e obra preme na foto.
O venres 29, celebrouse en Pontedeume, nos xardíns de Lombardero, un acto en homenaxe a Ramiro Fonte, organizado pola Biblioteca Pública Municipal, en colaboración cos CEIPs do concello; do noso centro acudiron o grupo de alumnas e alumnos de 5º curso, que recitaron tres poemas do libro "O XARDÍN DO PASATEMPO".
Aquí tedes a reportaxe fotográfica:



XUÑO

Sereas de pelo louro,
Un xigante calamar,
Un galeón cun tesouro,
Moran no fondo do mar.
Eu busco ouro de lei,
Pero son un buzo vello,
o escafandro empeñei.
E non me xogo o pelello.
Pero xa me consolei
Dando mergullos no espello.
E encontrei un tiburón,
Da sereíña un colar,
O enferruxado rizón,
Cousas que gardaba o mar.
Ramiro Fonte
"Xardín do pasatempo"

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails