21/5/17

Montando Escornabot: Vídeo práctico

Xa estamos listos para montar os nosos Escornabot e para non esquecernos de ningún paso aquí vos deixamos un vídeo práctico.



PROPOSTA DO DÍA DO LIBRO 2017:

Esta é a historia dun pai e dunha nena... Non, mellor non... Esta é a historia dun pai e dun neno... Tampouco... Esta non é ningunha historia. “Cousas de papá” é un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoira, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía. Das dezasete composicións que conforman o poemario, dez están musicadas por Héctor Lorenzo no CD que acompaña o libro. Música e poesía para xogar cos versos. Unha fantástica proposta de Raioteca para o alumnado de Educación Infantil polo día do libro deste ano.



PROPOSTA DÍA DO LIBRO 2017: OBRADOIRO KALANDRAKA

O pasado venres día 19 de maio a Editorial Kalandraka propúxolle aos nenos/as de 5º e 6º curso de Educación Primaria un obradoiro de escrita. O ilustrador Pablo Otero, acompañóunos nunha mañá moi creativa na que os rapaces tiveron que elaborar unhas postais moi orixinais partindo dunha foto antiga e un obxecto. Parabéns! O resumo desta mañá en imaxes.










Este ano Raioteca seleccionou unha serie de libros relacionados co Proxecto Interdisciplinar de Centro "Hábitos de vida saudable". Neste caso A cociña de Toto Murube foi o punto de partida para este obradoiro.

A persoaxe principal deste libro chámase Toto Murube, o cal non tivo sorte na vida; de condición humilde, non puido estudar, nin sequera aprendeu a ler. Quizais por iso era un mendigo máis a vagar pola gran cidade. Algunhas noites, mentres durmía no chan do caixeiro dun banco, soñaba que a súa sorte cambiaría e que chegaría a comer o mundo. Que inxenuo, verdade? Aínda que… ás veces, a realidade supera ata os mesmos soños. Despois de “Sopa de soño”, José Antonio Ramírez Lozano volve apostar pola gastronomía das palabras e da imaxinación cunha divertida historia ambientada nun contexto que non é alleo ás adversidades do noso tempo. No restaurante máxico de Toto Murube non hai garfos nin culleres, nin fumes nin restos de comida. As súas receitas sacian e alimentan a fame do mundo enteiro: ensalada de etiquetas, filetes de capricornio, peras en verso... Menús insólitos e saudables que fortalecen a creatividade dos comensais/lectores. Pablo Otero acompaña este exótico recetario cunhas ilustracións sinxelas que xogan coa cor, coa xeometría e co alfabeto. 
José Antonio Ramírez Lozano (Nogales, Badaxoz, 1950) Poeta, narrador e profesor de Literatura en Educación Secundaria. É autor de varios libros de narrativa e de relato xuvenil; entre eles, “Sopa de soño e outras receitas de cocociña” (Kalandraka). Na súa ampla traxectoria recibiu máis dunha vintena de premios, entre os que figuran o Juan Ramón Jiménez, o Rafael Alberti e o VIII Premio Nacional de Poesía Real Sitio y Villa de Aranjuez. 
Pablo Otero (Ourense, 1970) Estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Os seus debuxos, esculturas e pinturas expuxéronse en diversas galerías galegas. A súa traxectoria artística tamén está relacionada coas escenografías para teatro e a creación de cartaces. Recibiu, entre outras distincións, o 1º premio de escultura no I Salón de Arte Xove de Ourense (1992) e un accésit do Premio Lazarillo. Como ilustrador, destacan títulos como “O príncipe das sombras”, “Gramática da fantasía”, “Contos por teléfono” (Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2011, Asociación Galega de Editores) e, tamén como autor, “ABCdiario” (Kalandraka). 

13/5/17

NOTICIÓN, NOTICIÓN

No mes de abril presentámonos a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto do Plan LÍA de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), do proxecto  "Escornabots na biblioteca escolar", para a introdución dos robots e da linguaxe de programación nas bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Este programa, iniciado en 2016,  pretende estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras,  programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
E a gran NOTICIA é que o próximo ano chegan OS ESCORNABOTS. Esta iniciativa intégrase no contexto dun modelo de biblioteca aberto ás distintas linguaxes co fin de favorecer a alfabetización múltiple , no que se promove a expresión oral, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Estamos emocionados...

Se premedes na imaxe podedes acceder a máis información deste proxecto.

Resultado de imagen de escornabot

11/5/17

PROXECTO DÍA DO LIBRO 2017.

Seguindo o PDI do Centro: "Hábitos saudables", dende a Biblioteca, plantexamos a elaboración dun álbum ilustrado no que participe todo o alumnado. O tema: "Alimentación Saudable", e o título será elixido unha vez rematado o traballo.
Faremos fotos dos nen@s que representen o texto con formato viñetas, bocadillos ou pé de foto.
Apartados:
1.- As catro comidas do día (Ed. Infantil)
2.- Consellos para as túas comidas. (1º e 2º curso)
3.- Aprendemos a comer. (3º e 4º curso)
4.- Coñece os alimentos (5º e 6º)

Este é o fantástico resultado final.
Parabéns a todos e todas polo voso traballo!!!!!

 

4/5/17

SEMANA DO LIBRO 2017: Apadriñamentos lectores.


O alumnado de 6º, 5º e de 4º curso de Primaria comparte lecturas coas nenas e nenos de Educación Infantil, 1º ,2º e  3º curso de Primaria.

Os padriños e madriñas preparan o conto que lle van ler aos seus afillad@s e ao día seguinte, na "Hora de Ler", acoden ás aulas a buscalos. 
Os padriños e madriñas elixen o libro e o lugar onde queren estar. Pode ser en calquera sitio do colexio.

As fotos falan por si solas. A experiencia é moi gratificante.
Parabéns !!!



Apadriñamentos lectores 2017 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails