28/5/08

O TREN DA LINGUA





O Tren da Lingua, percorrido Ferrol-Betanzos, xogos e contacontos foron as principais actividades deste tren que leva pasaxeiros de 5 a 8 anos.

A idea básica é levar aos nenos de excursión a bordo dun tren mentres se lles ensinan as peculiaridades culturais de Galicia e se lles anima a empregar o noso idioma. Partindo desta premisa, a Consellería de Educación, Caixanova e Renfe
desenvolveron o pasado ano a primeira edición desta iniciativa.


Ademais de ver a paisaxe, os participantes reciben un conto exclusivo escrito por Agustín Fernández Paz e ilustrado por Enjamio entre outros agasallos. Na súa viaxe, os rapaces van acompañados de animadores socioculturais que lles propoñen diferentes actividades .

25/5/08

ACTIVIDADES T.I.C.


No panel lateral do blog, imos introducir un novo apartado :"ACTIVIDADES TIC", nel iremos recopilando todas aquelas actividades: cazas do tesouro, webquest, actividades con ediLIM, con JCLIC ... que vaiamos realizando no colexio.

Empezaremos por introducir os enlaces a dúas "cazas do tesouro" elaboradas neste ano 2008:

24/5/08

REPRESENTACIÓNS TEATRAIS DO 3º CICLO

Seguindo coas actividades programadas para a celebración das LETRAS GALEGAS ; o Venres 23 tocoulle o turno ao 3º Ciclo. Fixeron dúas representacións:

  • Os alumnos e alumnas de 6º Curso representaron a obra de teatro titulada: "OS MAIOS DE TROULA":

Mentres vaia sol, a auga caia do ceo,

o vento nos dea na cara e o trono faga soar o seu ouveo

seguiremos a traballar as terras ...



  • Os alumnos/as de 5º Curso representaron o poema de X.M. Álvarez Blázquez titulado: "ROMANCE DO AFIADOR"

Vel ehí ven o afiador

asubía que asubía;

co seu carro de unha roda

é coma a besta xuncida.

Trai unha caixa de ferros

i-unha pedra onde íl afía:

unha pedra condanada

que bota raios e chispas...



Parabéns a todos os actores e actrices. Grazas por facernos pasar un rato tan divertido.

18/5/08

POEMAS ESCENIFICADOS.

O Venres 16, para conmemorar o día das Letras Galegas e como homenaxe a X.M.Álvarez Blázquez, preparamos dous poemas escenificados:

"Polo laranxal" representado e ampliado con estrofas de creación propia por alumnos/as de 4º nivel .
"O Raposo Roldán" representado por alumnos/as de 3º nivel.

A vindeira semana haberá máis actividades para homenaxear a X.M.Álvarez Blázquez e ás Letras Galegas.

POLO LARANXAL
POLO LARANXAL
TRES AVELAIÑAS ANDAN A VOAR.
UNHA, DÚAS, TRES,
DE PRESA QUE VOAN, VENSE E NON SE VEN.

POLO LARANXAL
TRES AVELAIÑAS ANDAN A CHUCHAR.

UNHA, DÚAS, TRES,
DE TANTO QUE CHUCHAN, BORRACHAS DE MEL.

¡CAIDAS NO CHAN,
TRES AVELAIÑAS POLO LARANXAL!
X.M.Álvarez Blázquez



O RAPOSO ROLDÁN

Nas fragas do Eume,
vivía un raposo
arteiro e mañoso
de nome Roldán.

Andaba a correr
tras a merla perla,
mais caeu no camiño
e rompeu o fociño.

A merla brincaba
e alegre quedaba,
mentres o raposo
moi triste choraba.

MOSTRA ARTESANAL

Con motivo da celebración das LETRAS GALEGAS a Unidade Veciñal "OLMO" en colaboración con outras entidades, organiza, ademáis de Encontros culturais e Xogos populares, unha Mostra artesanal que o martes 13 puideron visitar todos os Colexios de Pontedeume. Estas fotos recollen o encontro entre os nenos e nenas do noso colexio cos artesáns.
Grazas á Unidade veciñal "Olmo" pola súa invitación e parabéns pola organización destas actividades.

MOCHILAS VIAXEIRAS

Tamén na SEMANA DAS LETRAS GALEGAS as "Mochilas viaxeiras" continúan a súa andadura polas casas das nenas e nenos da nosa escola. A vindeira semana publicaremos algúns dos comentarios e debuxos que as familias incluiron no "Caderno Viaxeiro" que acompaña ás Mochilas.


11/5/08

ROSALÍA ILUSTRADA

Non debemos esquecer que na celebración das LETRAS GALEGAS cada 17 de Maio, ademáis de homenaxear a algún escritor ou escritora en Lingua Galega conmemórase a publicación do libro de Rosalia de Castro: "Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863.

Os alumnos/as do 1º, 2º e 3º Ciclo de Primaria do cole visitaron na Casa da Cultura do Concello de Pontedeume unha exposición titulada: "Rosalía Ilustrada", previamente traballaron unhas fichas didácticas sobre a súa vida e obra.

Este libro de acrósticos co nome de Rosalía fixérono os alumnos/as do 2º Ciclo inspirándose nesta exposición.


8/5/08

Traballo colectivo sobre X.M.ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.

Na entrada do colexio estará exposto durante toda a semana das LETRAS GALEGAS un traballo sobre X.M.Álvarez Blázquez, no que participamos todos os alumnos/as do colexio.
  • Os nenos e nenas de E.Infantil , coloreamos, recortamos e pegamos as letras que compoñen o seu nome. Tamén ilustramos cun bonito debuxo o poema titulado "Arco da vella" do libro: ROSEIRA DO TEU MENCER.
  • Os nenos e nenas do 1º Ciclo, coloreamos, recortamos e pegamos as letras que nos anuncian o que celebramos o 17 de Maio: Día das Letras Galegas. Tamén ilustramos outro poema do libro ROSEIRA DO TEU MENCER titulado: "Polo Laranxal".
  • Os nenos e nenas do 2º ciclo, escribimos e ilustramos a súa biografía. Tamén elaboramos a súa árbore xenealóxica con ilustracións. Ademáis copiamos e fixemos debuxos dun poema titulado: "Ise neno da rúa" , que nos fixo reflexionar moito.
  • Os nenos e nenas do 3º ciclo, traballamos sobre o "Romance do afiador" e afondamos nesta profesión que hoxe en día xa case non existe. Tamén limos algúns textos do "Cancioneiro de Monfero" o que nos dou pé a escribir e buscar ilustracións do Mosteiro de Monfero, que ademáis está situado a poucos kilómetros da escola e hai alumnos/as do colexio que viven nas proximidades deste Mosteiro. Para rematar fixemos unhas caricaturas moi divertidas.

RECORDA QUE TES QUE PREMER EN "OPEN PUBLICATION" PARA VELO EN PANTALLA COMPLETA.

5/5/08

XA CHEGOU O MAIO FLORIDO E GALÁN ...

"OS MAIOS" significan na súa orixe o triunfo e a chegada da Primavera.
É un rito Celta para asegura-las boas colleitas, e a protección do "Espíritu da Natureza".
Antigamente un neno cuberto de follas, propias da zona, saía acompañado por outros a percorrer as rúas de cidades e vilas no comezo do mes de MAIO.
Os nenos/as e as flores son os protagonistas desta celebración que data da Compostela Medieval.
Na actualidade faise un Maio figurativo(en vez do Neno Maio)de diversas formas: de pirámide, de cabazo, de barca, de cruceiro...
As nenas e nenos do cole de Andrade tamén queremos sumarnos, un ano máis, a esta celebración facendo os nosos MAIOS e cantando algunha cantiga.


Seguindo o costume,
Do ano pasado
Eiquí vimos todos
A cantalo MAIO.

Estas fotos que podes ver a continuación recollen o proceso de elaboración dos nosos
MAIOS, nel participamos todos os nenos e nenas, E.Infantil e 1º Ciclo, fixeron "O PALLEIRO" e ademáis unhas coroas e uns ramos moi vistosos.
O 2º Ciclo fixo "O CRUCEIRO" e o 3º ciclo "OS ARCOS"






Xa chegou o MAIO
florido e galán.
Chegou tra-lo inverno
e antes do verán
Baixou dende o cumio
do castelo antergo
ata o val do Eume
doce e señoreiro.
MAIO namoreiro:
bicou as campiñas...
i en cada bicada
naceron floriñas.
MAIO agarimoso
bicou as cerdeiras...
e ahí tede-las froitas
mais ricas da terra. (Maio da mariña)






Xa para rematar a celebración dos MAIOS fixemos o desfile e cantamos as cantigas:
E Infantil e 1º Ciclo "Anxeliños somos"
2º Ciclo: "Santa Cruz de MAIO"
3º Ciclo: "MAIO,MAIO florido"




4/5/08

VESTÍMONOS DE PRIMAVERA

Levántate, Maio
que tanto dormiche,
que pasou Abril
e tí no-no viche.
Maio de muiño (1959)
Por dentro e por fóra do colexio respírase ambiente de PRIMAVERA.
Xa iniciamos os traballos previos para a elaboración dos " NOSOS MAIOS". Este ano faremos tres Maios:
"O Palleiro" E. Infantil e 1º Ciclo
"A Cruz" O 2º Ciclo
"Os Arcos" O 3º Ciclo.
Xa iremos amosando o proceso de elaboración. De momento ahí van algunhas fotos do recinto exterior e interior do cole, en plena estación primaveral.


Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails