22/6/08

FESTIVAL FIN DE CURSO, GRADUACIÓNS.

O Venres día 20, para celebrar o Fin de Curso e como homenaxe aos Graduados en Ed. Primaria, que pasarán para o instituto, fixemos un FESTIVAL na sala de múltiples con actividades moi variadas: bailes, cancións, recitados e ata trucos de maxia.
Ao remate, o director fixo entrega dos diplomas aos graduados, aos mellores lectores/as deste 3º trimestre e ao grupo de 6º curso colaborador da Biblioteca.

Noraboa a todos/as e felices vacacións de verán!!!!!!!



18/6/08

EXCURSIÓN FIN DE CURSO


Este curso 2007/08 as alumnas e alumnos do 3º ciclo realizaron unha excursión a Ribadesella.
As fotos deste video falan por si soas. "No comment".

A Comunidade Educativa do cole de Andrade desexamos aos alumnos e alumnas de 6º moita sorte na súa nova andadura. Esperamos que as leccións e consellos recibidos aquí vos servan de axuda.
Agradecer aos membros do equipo colaborador da biblioteca: Patricia, Candela, Noelia R., Lydia, Silvia, Laura, Óscar e Rocio a súa implicación e entusiasmo.


Grazas por deixarnos ser unha parte importante das vosas vidas.


OS NOSOS RECORDOS DURARÁN TODA UNHA VIDA. GARDA OS MELLORES.






EXCURSIÓN FIN DE CURSO 07/08 from Andrade on Vimeo.




6/6/08

XA TEMOS FROITA !!!


O 5 de Marzo realizamos a primeira plantación escolar, no recinto exterior do colexio, das seis variedades recoñecidas da MAZÁ EUMESA. Con isto, a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGAFA), iniciaba as súas actividades para transmitir a cultura da froita da comarca. Previamente impartiran unha charla na Biblioteca do centro.

O venres día 6 de Xuño, recibimos a visita de tres membros desta asociación que nos reuniron a todos e todas entorno ás árbores para explicarnos a súa evolución e os coidados que precisan nesta época do ano.

Fixeramos seis grupos, e cada grupo tivo que ocuparse da súa árbore. Desas árbores xa brotaron os primeiros froitos, que nos anuncian a próxima chegada do verán.



O SOL SOL SOL

QUENTABA

NA HORTA.

O SOL SOL SOL

QUEIMABA

NA PORTA.

O SOL SOL SOL

CABELOS

DE OURO.

O SOL SOL SOL

GARDABA

UN TESOURO.

O SOL SOL SOL

O SOL LACAZÁN

ANUNCIA O VERÁN.

Antonio García Teijeiro.

PAREADOS

Os nenos e nenas de 3º curso fixemos uns pareados cos nomes de todos/as os compañeiros/as da clase e tamén co nome da profe; despois gravámolos. Este é o resultado final .


"UN RATIÑO CHAMADO COLORÍN"


Para rematar as actividades do mes das LETRAS GALEGAS as alumnas e alumnos do 1º ciclo de primaria despois de ler e traballar algúns poemas de X.M.Álvarez Blázquez, decidiron elexir o conto dun ratiño chamado "Colorín" que está moi, moi namorado. Está baseado nun conto titulado "O máis forte" e a canción de Mama Cabra: "Nunca reparas en mín".
Comeza así:
En certa ocasión, unha fada ía dando un paseo pola súa fraga. Ao chegar á beira do río, detívose a buscar un lugar por onde cruzar sen mollar os pés. Nisto, oíu uns berros que pedían auxilio. Mirou ao alto e viu....


5/6/08

Actividades con LIM: "O NENO MAIO"


No colexio formamos un grupo de traballo para elaborar materiais didácticos relacionados cos "MAIOS", e mais concretamente os Maios na nosa zona. Estas son as actividades que fixemos co programa LIM.
A introdución é a mesma nos tres ciclos, as actividades vanse ampliando. En cada un dos ciclos elaboramos un Maio diferente, no 1º ciclo: "O PALLEIRO", no 2º ciclo: "O CRUCEIRO" e no 3º ciclo: "OS ARCOS".





1/6/08

"O País dos Ananos"

O Martes, 27 de Maio, os alumnos/as do 1º, 2º e 3º ciclo de Primaria do noso cole tiveron a oportunidade de visitar un plató de televisión e participar nunha gravación do programa: "O PAÍS DOS ANANOS"

Sinopse de “O país dos ananos”:

Rapaces galegos de Primaria, entre 6 e 11 anos, exporán en voz alta e clara, sen atrancos, a súa visión do mundo, da vida dos adultos e de si mesmos. Saber como viven e como pensan hoxe os nenos e nenas galegas ofrece unha idea de como se irá conformando a sociedade galega do futuro, ou esa é unha das ideas do programa, que está presentado por Belén Regueira e dirixido por María Yánez. Os rapaces e rapazas entrevistarán a persoas galegas coñecidas polo público ou relevantes polo seu traballo a quen poden chegar a retar para realizar algunha acción mellor ca eles. Os nenos/as tamén serán autores de reportaxes realizadas no exterior mediante as que amosarán o mundo desde o seu punto de vista particular.

CADERNO VIAXEIRO: 1º Ciclo


A "Mochila Viaxeira" do 1º Ciclo percorreu xa as casas de varios alumnos e alumnas de 1º e 2º. Estes son algúns dos comentarios recollidos no "Caderno viaxeiro" que acompaña á Mochila.






PREME EN OPEN PUBLICATION PARA VELO EN PANTALLA COMPLETA.

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails