15/5/09

LETRAS GALEGAS 2009.

Premendo nesta foto podes acceder ao PROGRAMA DE ACTIVIDADES que realizamos no colexio de Andrade durante a semana do 11 ao 15 de Maio, para celebrar as LETRAS GALEGAS 2009.

O luns xuntámonos todas e todos para ver un vídeo sobre a traxectoria de Ramón Piñeiro. Este vídeo foi elaborado por mestres do colexio de Xinzo de Limia.
Moitas grazas por compartilo!!!


O Martes, os alumnos e alumnas do 2º ciclo recitaron unha poesía, moi divertida, que escribiron eles mesmos/as, para homenaxear a Ramón Piñeiro:

Ramón, Ramón,

se foses de chocolate serías un bombón

porque enchiches de sabedoría ó noso corazón,

e coa túa dozura fuches subindo un escalón.

Grazas as túas ideas e ao teu melón,

chegamos a acadar unha gran colección.

Con Galaxia e con Grial,

fundaches unha editorial,

e xuntas formaron unha empresa fenomenal,

que che deu un aire de intelectual.

Ramón Piñeiro, Ramón Piñeiro,

case sempre levas sombreiro,

o teu oficio é ser libreiro.

Non sei a que te me semellas

con esas grandes orellas,

pero sei que usas lentes

e que tes bos dentes.

E grazas a ti, o galego

seguiu por un bo rego.

Tamén o martes cantamos e bailamos: "O RAP DA LINGUA". Preme aquí.

O mércores, seguindo co programa de Lecturas compartidas, dúas alumnas do 3º ciclo leron o conto: "Chocolata", para os/as mais pequenos/as, e ao remate cantamos a canción, preme aquí.

O xoves, Begoña, a nai de Rebeca de E. Infantil, leunos un conto titulado: "XOGANDO ÁS ADIVIÑAS", ilustrado por Suso Cubeiro, que nos visitou a semana pasada. Pasámolo moi ben intentando solucionar as adiviñas, fixándonos nas pistas que nos daban as ilustracións. Dende aquí queremos agradecerlle a Begoña a súa colaboración.

O venres, os alumnos e alumnas de 3º curso representaron unha obra de teatro titulada: "A Maragota fachendosa e o Polbo fino". Parabéns a este grupo de actores e actrices polo seu traballo. Xa para rematar cantamos unhas cantigas .

Tamén durante toda a semana puidemos participar en actividades de XOGOS POPULARES.

A continuación deixámosvos a reportaxe fotográfica:

ACTIVIDADES LETRAS GALEGAS 2009. on PhotoPeach




SE QUERES VER A PRESENTACIÓN EN PANTALLA COMPLETA PREME NO RECADRO DAS FRECHAS DO LATERAL DEREITO.

14/5/09

TRABALLO COLABORATIVO: "Ramón Piñeiro"


Á entrada do colexio está exposto o traballo que sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro fixemos este ano coa participación de todo o alumnado, dende Educación Infantil ata 6º curso de Educación Primaria.

  • En Educación Infantil recortaron e colorearon as letras dos titulares.
  • En 1º ciclo fixeron unhas divertidas caricaturas.
  • No 2º ciclo elaboraron unha biografía ilustrada e compuxeron un poema en homenaxe á súa traxectoria.
  • No 3º ciclo traballaron sobre as viaxes de Ramón Piñeiro, a súa obra e elaboraron uns pasatempos.

Se premes na imaxe podes ampliar o tamaño.

11/5/09

Visita de SUSO CUBEIRO.

Dentro do programa de Maio: "MES DAS LETRAS", unha das actividades previstas é a visita do ilustrador Suso Cubeiro.
O mércores día 6 ás 12 da mañá chega ao colexio. Para recibilo quixemos agasallalo cunha breve representación teatral dunha das obras ilustradas por él: "Historia dunha sobreira" que as alumnas e alumnos de 4º curso escenificaron de forma maxistral. Aquí tedes unha pequena mostra:



Despois, Suso Cubeiro impartiu un taller creativo para todo o alumnado do colexio e, ao remate, él tamén quixo agasallarnos cunha acuarela, que pintou en vivo e en directo para todos nós. Moitas grazas e ata outra!!!





8/5/09

MAIO DA MARIÑA.

Os MAIOS significan na súa orixe o triunfo e a chegada da Primavera.
É un rito celta para asegurar as boas colleitas, e a protección do
"Espíritu da Natureza".
A tradición dos MAIOS na vila e bisbarra eumesa ven de moi antigo.
OS NENOS/AS E AS FLORES son os protagonistas desta celebración:




Os nenos e nenas do colexio de Andrade tamén quixemos sumarnos, un ano mais, a esta celebración paseando os nosos Maios e cantando algunhas cantigas.
Unha das cantigas eumesas propias da festa dos MAIOS é:

"MAIO DA MARIÑA"

Xa chegou o Maio
florido e galán.
Chegou tra-lo inverno
e antes do verán.

Baixou dende o cumio
do castelo antergo
ata o val do Eume
doce e señoreiro.

Maio namoreiro:
bicou as campiñas...
e en cada bicada
naceron floriñas.

Maio agarimoso
bicou as cerdeiras...
e aí tede-las froitas
mais ricas da terra.


Enlace ás actividades que no curso 2007/08 elaboramos no colexio co programa LIM:

OS MAIOS do Colexio de Andrade.

7/5/09

INAUGURACIÓN DO "RECANTO DOS CONTOS"


O xoves 30 de abril inauguramos un novo espazo no colexio, concebido como unha continuidade da biblioteca, un lugar onde sempre vai estar presente a "MAXIA DA LECTURA", onde existe un recanto moi especial para os conta contos e onde os nenos e nenas se poden disfrazar e maquillar para converterse en personaxes fantásticas dos contos, e por suposto, un lugar onde Raioteca, a nosa mascota da biblioteca, está sempre presente supervisándoo todo.
As actividades que realizamos para celebrar este acontecemento, que tamén recolle a prensa, foron:
  • Intervención de Raioteca. Preme aquí.

  • Actuación dos titiriteiros de Andrade, un grupo de alumnas e alumnos dende 3º ata 6º de Primaria, que representaron con marionetas a obra titulada: "Este cuento no es mi cuento". Foi todo un éxito. Parabéns a todos e todas!!!

  • Seguindo co proxecto: "Lecturas compartidas", a nai de María de E. Infantil, Rosario, fixo a presentación do libro do mes, coa lectura de: "Sacapenas". Dende aquí queremos darlle as grazas pola súa colaboración. Tamén unha alumna, Laura de 5º curso, contounos a orixe destes bonecos e explicou que no cole estanse a facer, coa mestre de Plástica, bonecos sacapenas para participar nun proxecto chamado: Sacapenas para Gaza.

  • Tamén os alumnos/as de 5º curso nos presentaron outro dos seus contos de creación propia elaborado en power point.

  • Xa para rematar unhas palabras do director agradecendo a colaboración dos familiares que fixeron posible a creación deste novo espazo e aos que lles entregamos uns pequenos agasallos.

E aquí vos deixamos a reportaxe fotográfica:


30/4/09

LECTURAS COMPARTIDAS.


Unha das actividades programadas polo Equipo de Biblioteca para este último trimestre é:

LECTURAS COMPARTIDAS.

Consiste en que as alumnas e os alumnos do 3º ciclo lles lean aos alumnos/as de cursos inferiores, pero tamén nos gustaría que os pais, nais ou familiares viñeran ao colexio e lles leran aos nenos e nenas un conto, unha historia ou un relato que poderían traer da casa ou elixilo entre os libros da nosa biblioteca.
Fixemos a proposta e xa temos algunhas nais animadas a compartir lecturas.
Xa vos iremos contando.

En principio un grupo de alumnas/os de 5º curso xa prepararon uns contos de creación propia nun power point que van compartir co resto dos compañeiras e compañeiros.

Aquí vos queda unha pequena mostra, non sen antes darlles os parabéns polo seu traballo.




29/4/09

TEATRO EN INGLÉS.


As alumnas e alumnos de Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria asistiron a unha representación teatral dunha obra de teatro en inglés titulada:

"HANSEL AND GRETEL".

Se premes aquí poderás acceder ao conto en inglés.

Na web da compañia poderás escoitar as cancións no apartado playlist.


28/4/09

DE TEATRO EN ABRIL...


Tamén en Abril con motivo da celebración do DÍA DO LIBRO asistimos a unha representación teatral na que as actrices e os actores son alumnas e alumnos de 4º curso de Primaria.
O título da obra de teatro é: "HISTORIA DUNHA SOBREIRA". O libro está ilustrado por Suso Cubeiro, que nos visitará o mércores 6 de maio. Durante estes días previos á súa visita poderemos ver, na entrada do colexio, unha exposición con todos os libros que temos na nosa biblioteca ilustrados por él.


Parabéns a estes alumnos e alumnas de 4º curso polo seu traballo.
Nesta reportaxe podedes ver algunhas escenas desta representación:






Tamén os alumnos e alumnas de 6º curso demostraron as súas dotes interpretativas nunha representación teatral do capítulo VIII de "El ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha":


"Del buen suceso que el valeroso Don Quijote tuvo en la espantable y jamás imaginada aventura de los molinos de viento, con otros sucesos dignos de felice recordación."


Moitas grazas a estos actores e actrices por facernos pasar uns momentos tan divertidos.
Noraboa!!!


Aquí tedes unha mostra do seu traballo:






27/4/09

DE LIBROS EN ABRIL...

Durante este mes de Abril, as actividades propostas dende a biblioteca tiveron ao libro como grande protagonista.
Os alumnos e alumnas do 2º e 3º ciclo estiveron a traballar nunha procura do tesouro e unha miniquest sobre a celebración do DÍA DO LIBRO, e así o día 23 de abril expuxeron a todo o colexio o propósito que ten celebrar ese día e o por que se celebra ese día e non outro. Ademais elaboraron uns preciosos carteis , cos que faremos unha exposición o día 30 de abril.
Tamén durante este mes de abril fixemos públicas as listas de MELLORES LECTORES e LIBROS MAIS LIDOS; á entrada do colexio temos unha exposición destes libros mais populares entre o alumnado.
Ademais o día 23 de Abril Raioteca sorprendeunos con agasallos para todas e todos os que figuraban na lista de mellores lectores e por suposto para os encargados e encargadas de biblioteca.
Aproveitamos estas datas para facer unha selección dalgúns dos comentarios das mochilas viaxeiras e o día do libro léronse e proxectáronse os debuxos.

23 de abril, día do libro on PhotoPeach



20/4/09

RECURSOS PARA O ENSINO.

No Boletín Informativo nº 26 (20 de Abril de 2009) infórmase sobre a creación dun novo sitio web de recursos para o ensino, con diferentes seccións que conteñen recursos educativos para diferentes niveis: ideas para traballos en grupo, unidades didácticas, cómics e aventuras interactivas, xogos cooperativos,etc.

Nela tamén poden consultarse as convocatorias e premios sobre cooperativismo.

O enlace a esta páxina web queda introducida á marxe esquerda do blog, no apartado de Páxinas Educativas. Agora podes consultala premendo aquí.

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails