Este ano continuamos cun servizo iniciado no curso 2013/2014:
O EMPRÉSTITO DE VERÁN:
Todo o alumnado de Primaria poderá levar libros en préstamo para o verán, e terá que devolvelos ao comezo do vindeiro curso 2016/2017, dentro da mesma bolsa no que lle foron entregados.
Deixámosvos tamén unha guía de lecturas moi refrescantes:
O alumnado colaborador de Biblioteca recibíu un merecido agasallo e un diploma polo traballo realizado ao longo do curso, sen a colaboración destes alumnos e alumnas o funcionamento da Biblioteca non sería o mesmo.
O alumnado do 3º ciclo e de 4º curso de Primaria comparte lecturas coas nenas e nenos de Educación Infantil, 1º ciclo e 3º curso de Primaria. Os padriños e madriñas preparan o conto que lle van ler aos seus afillad@s e ao día seguinte, na "Hora de Ler", acoden ás aulas a buscalos. Os padriños e madriñas elixen o libro e o lugar onde queren estar. Pode ser en calquera sitio do colexio.
As fotos falan por si solas. A experiencia é moi gratificante.
O martes 31 de maio, todo o alumnado de Ed. Infantil foi de visita á Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume. O bibliotecario, Alejandro, esperábaos na Biblioteca para contarlles unha historia moi interesante:"O meniño Nito", un conto da Editorial Baía, que forma parte da colección Contos da Igualdade.
Que mellor xeito de celebrar as Letras Galegas, que repartindo fragmentos de poemas do autor homenaxeado. Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica deste reparto dos nosos marca páxinas con poemas de Manuel María, ilustrados polos alumnos e alumnas do colexio. Esperamos que lles gusten!!!!
Todo o alumnado do Centro, desde Ed. Infantil ata 6º de Primaria, fixeron uns marca páxinas cun fragmento dun poema de Manuel María e un debuxo relacionado.
Todos estes marca páxinas serán entregados a diferentes establecementos do pobo: o supermercado, a farmacia, librería ... para ser distribuídos entre os seus clientes.
O que pretendemos con esta actividade é que o traballo do noso alumnado traspase os muros do colexio, que lle vexan unha utilidade, e á vez dar a coñecer fragmentos de poemas do autor homenaxeado este ano, entre a xente máis próxima aos nosos alumnos e alumnas.
Este curso, como en anos anteriores, no CEIP Plurilingüe de Andrade, celebramos os MAIOS. Coa colaboración de todo o alumnado do centro e das familias, elaboramos o noso "MAIODEARCOS", un precioso maio engalanado con todo tipo de flores. Participamos no concurso organizado polo Concello de Pontedeume o domingo 1 de maio.
Dende aquí queremos agradecer a colaboración de toda a Comunidade Educativa.
Dende a Biblioteca aportamos un LIM elaborado hai uns anos, pero que consideramos que segue sendo de gran interese. Tamén temos unha recompilación dos cantos de Maio na Bisbarra Eumesa, elaborada coa colaboración do director da coral de Pontedeume, Xosé Paz (Pepucho).