10/12/11

10 de Decembro: Día dos DDHH


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

4/12/11

OS CONTOS E AS TICS.


Neste curso 2011-2012 o claustro do CEIP Andrade imos realizar un Proxecto de Formación en Centros co título: "Os contos e as TICS",  elaboraremos diferentes recursos e actividades en torno aos contos que en cada ciclo foron seleccionados:

E. Infantil: "A que sabe a lúa?"
1º Ciclo: "Yamina"
2º Ciclo: "O rato solteiro"
3º Ciclo: "Contos vellos para rapaces novos"
               "El enigma Averroes"

27/11/11

LECTURAS COMPARTIDAS. Recompilación


Unha das actividades desenvolvidas na Biblioteca en colaboración coas familias é a de:
LECTURAS COMPARTIDAS:
Invitamos aos pais, nais ou familiares a que veñan ao colexio e lean aos nenos e nenas un conto, historia ou relato. 
Poden traelo da casa ou elexilo entre os libros da nosa biblioteca.
Quen desexa participar nesta actividade debe cubrir un imprexo.
Cando sabemos con canta xente contamos temos unha xuntanza para organizar as lecturas.
Os nenos/as fan unha pequena presentación e ao remate  entregan un agasallo elaborado por eles e un diploma de contacontos.
Ten tan boa acollida que lle adicamos un día á semana na Hora de Ler.
Aquí deixamos unha recompilación das Lecturas Compartidas do curso 2010-2011:

25N. Non á violencia de xénero



Un vídeo, un conto e unha canción:

- Un vídeo: "Maltrato sutil"
- Un conto: "A bruxa Pandora"
- Unha canción: "Ella" de Bebe
- Proposta de actividades.


















 



Se clicas neste enlace podes acceder a unha proposta de actividades para Educación Primaria elaborada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:



20/11/11

11 do 11 do 2011: "O baúl dos monstros", "A min non me comas"



Nunha data tan orixinal: 11 do 11 do 2011, recibimos unha carta da nosa mascota de Biblioteca, RAIOTECA, na que despois de darnos os parabéns polo noso traballo na celebración da Festa da Froita, anuncia que deixou para todos nós dous agasallos lectores: un libro titulado "A min non me comas" e unha colección: "O baúl dos monstros".
Para celebralo asistimos a un teatro lido, representado por alumnos/as desde 1º ata 3º ciclo, do conto: "A min non me comas" e despois un grupo de nenas e nenos explicánnos o que necesitamos para chegar a ser auténticas bruxas, pantasmas ou vampiros tal e como aparece nos contos da colección: "O baúl dos monstros"







11 do 11 do 2011 on PhotoPeach


IV FESTA DA FROITA AUTÓCTONA DO EUME

O venres 28 de Outubro celebramos a IV Festa da Froita Autóctona do Eume  en colaboración con AGFA do Eume (Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume). Desde a Biblioteca propuxemos a lectura do libro de Xoán Farias "Desde o corazón da mazá", coa presentación do glogster que elaboramos para colaborar có proxecto do Plambe Ferrolterra. Ese día o alumnado fixo a lectura dalgúns fragmentos que fan referencia á recolleita da mazá. Tamén elaboramos un libro de recompilación de redacións e debuxos co título: "Froita autóctona do Eume". O alumnado do 1º ciclo presentou un libro moi interesante e divertido de poemas de outono.






20/10/11

APERTURA BIBLIOTECA

Comezamos unha nova andadura. A nosa mascota Raioteca regresa dunha longa viaxe, e tendo en conta as suxestións que recolle no buzón da biblioteca, ven cargada cun montón de novas adquisicións. Todo o alumnado do colexio pasa estos días pola biblioteca para recordar as normas de uso, horario, emprestitos, distribución dos espazos, presentación do novo equipo de alumnos/as colaboradores, club de lectura, hora de ler. Previamente tivemos unha reunión coas titoras ás que lles entregamos unha carpeta que contén:
  • Guía da biblioteca.
  • Calendario do Libro e a Lectura.
  • Titoriais de Recursos Meiga.
  • En que consiste a "Hora de Ler"?
  • Mochilas Viaxeiras.
  • Decálogo Lector.
  • Itinerarios Lectores. 


13/9/11

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES


Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

23/8/11

LECTURAS COMPARTIDAS XV

Inés, a nai de Icia, do 3º curso, presentounos o conto: "Palabra de crocodilo":

"Como o vello crocodilo quería chegar ao río, e Bamako necesitaba cruzar á outra beira, ambos decidiron axudarse mutuamente. Pero cando o crocodilo estaba na auga, entráronlle unhas ganas irresistibles de comer ao neno. «Non é xusto, fixemos un pacto», queixouse o pequeno. Decidiron consultar á árbore e ao burro, pero os dous animaron ao réptil a comer a Bamako e vingar así os abusos dos homes contra os animais. Entón, a lebre, coa súa astucia, dálle a volta á situación, e finalmente todo acaba ben..."

É un conto con moita mensaxe e unhas preciosas ilustracións. Queremos dar as grazas a Inés por darnos a coñecer unha historia tan interesante. Moitas grazas tamén a Icia pola presentación que nos fixo da súa nai.
Parabéns ás dúas e ata pronto!!!


LECTURAS COMPARTIDAS XIV



Clara, a nai de Martín, e Verónica, a nai de Eugym, alumnos de E.Infantil de 3 anos, presentáronnos o conto: "Os chivos chivóns", pero dunha forma ben orixinal, representado en teatro de sombras.

Foi moi divertido. Todos disfrutamos moito coa representación.

Desde aquí queremos darlle as grazas a Clara e Verónica polo seu traballo e o seu entusiasmo. Teñen ben merecido o diploma de contacontos.
Martín e Eugym fixeron tamén un bo traballo como presentadores.
Parabéns a todos e ata pronto!!!

LECTURAS COMPARTIDAS XIV on PhotoPeach

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails