20/11/26

MAGOSTO : tradición, amizade e castañas

 O venres 13 de novembro celebramos o Magosto, unha festa tradicional na que a nosa rapazada gozou dunha agradable xornada arredor das castañas asadas. Esta celebración foi posible grazas á colaboración do noso conserxe, que se encargou de asalas con moito agarimo na máquina feita e emprestada pola asociación Xente de Aquí e Acolá.

Foi unha xornada de convivencia, alegría e tradición, na que compartimos o sabor do outono e mantivemos viva unha das festas máis queridas da nosa cultura.

A rapazada de todo o colexio, estivo a facer colares de zonchos, para que non se esqueza a tradición galega relacionada co Magosto e cos Defuntos.

Para facelo, cócense as castañas coa pel. Cando arrefrían, enfíanse nun fío cunha agulla ata formar un longo colar. Antigamente, os nenos e nenas levábano posto, comían as castañas e tamén as compartían con outras persoas.

Segundo a tradición, cada castaña que se comía axudaba a liberar unha ánima do purgatorio. Por iso, os colares de zonchos estaban relacionados co recordo e coa honra dos antepasados.


O castiñeiro é unha árbore forte e de longa vida. Así, a castaña tamén se converteu nun símbolo da vida, da esperanza e da continuidade. Esta tradición unía a diversión da rapazada co respecto polas persoas que xa non están connosco.



Sorpresa dunha escritora que deixa pegada

 O 30 de outubro , o mestre Aurelio xubilouse e a rapazada fíxolle un acto moi, moi especial cheo de sorpresas, emocións e lembranzas todas elas cheas de moito agarimo.

Unha desas sorpresas foi a presenza da súa irmá Teresa, escritora dun libro titulado  "Susurros de un Roble",   unha historia de amor sobre a natureza en todas as súas formas. Unha fábula sobre aprender a camiñar escoitando os susurros dos bosques, os que quedan e os que se perderon despois de seren talados. Unha alegoría doce e atractiva na que a alegría, a tristeza, a memoria, a marabilla e a aceptación da perda compoñen un mosaico de emocións intensas onde a esperanza finalmente triunfa. 

A rapazada de 6º de primaria adaptouno ao galego e representouno no acto de xubilación.

                                Foi todo un éxito!!!


Teresa gozou moitísimo vendo a pequena representación da súa obra e emocionouse enormemente de poder compartila co seu  irmán Aurelio, nunha data tan importante.

Queremos darlle as grazas por vir e compartir a nosa proposta nun día tan especial para o noso mestre Aurelio.



Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails