12/6/11

DESPEDIDA CLUB DE LECTURA 2010/2011

Esta semana tivemos a última reunión do Club de Lectura deste curso 2010/2011. Fixemos unha posta en común das nosas impresións despois da lectura  do libro de Antón Cortizas:
"O Conto dos sete medos".
A todos os membros do club pareceunos un libro moi divertido e ameno e serviunos de punto de partida para que cada un de nós contara os seus propios medos. Chegamos á conclusión de que todos temos medos e algúns ben extravagantes...

 


LECTURAS COMPARTIDAS XIII

O xoves día 9, Sandra, a nai de Iago de Infantil 5 anos, presentounos o conto: ¿De qué tienes miedo? de Violeta Monreal, un fantástico libro con preciosas ilustracións.
Genoveva é unha araña que da medo a todo o mundo. E quere saber por qué se asustan. A través das páxinas deste libro, varios nenos e nenas contestan a mesma preganta: De que tes medo?
Moitas grazas Sandra pola túa lectura e a túa colaboración no proxecto "Lecturas Compartidas"
Ata pronto!!!




 

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2011

11/6/11

ROTEIRO BIBLIOTECAS PLAMBE FERROLTERRA.

Visitamos a Biblioteca do CEIP "O Ramo" de Barallobre, unha biblioteca chea de vida e cunhas magníficas anfitrionas.
Moitas grazas !!!
Deixamos un enlace á fántastica reportaxe que Loly nos aporta dende o blog da Biblioteca do IES de Fene "O Segrel do Penedo"



O roteiro continua coa visita á Biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol. Nesta ocasión non puidemos asistir pero deixamos un enlace á reportaxe fotográfica.




6/6/11

LECTURAS COMPARTIDAS XII





O xoves, a nai de Alex de 2º curso presentounos o conto: "O señor mago e a folla", un libro moi especial para todos nós, sobre todo porque está ilustrado por Suso Cubeiro que tivemos a sorte de telo no colexio. 
Alex fixo a presentación da súa nai e Mª José demostrounos que é unha estupenda contacontos. Ten ben merecido o diploma. Dende aquí queremos agradecerlle a súa colaboración.
Moitas grazas e ata pronto!!!

LECTURAS COMPARTIDAS XII on PhotoPeach


2/6/11

"A insoportable levedade das bibes galegas"

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

1/6/11

LECTURAS COMPARTIDAS XI


Continuamos con  LECTURAS COMPARTIDAS, esta vez visítanos a avoa de María do 2º curso, chámase Lolita, e presentounos un conto de tradición oral: "Xoán tonto". Todos estivemos moi atentos para non perdernos nada desta historia tan interesante, ademais mentres escoitabamos íamos vendo os debuxos que os nenos e nenas de 2º curso fixeron para ilustrar o conto. Foi unha sesión de contacontos do máis orixinal e entretida. Dende aquí queremos darlle as grazas a Lolita pola súa colaboración e por facernos pasar un rato tan agradable. Os nosos parabéns para ela e para súa neta María que ademáis fíxonos unha fantástica presentación da súa avoa.            Moitas grazas e ata pronto!!! 


                

LECTURAS COMPARTIDAS X

O xoves 20, tivemos unha visita moi especial, Betty e Vicky, a nai de Fran e Alejandro e a nai de Antón de E. Infantil. Elas foron as nosas protagonistas, unhas fantásticas contacontos. Presentáronnos o conto: "La gallina Churra", foi unha sesión moi divertida, con canción incluida. Esperamos que repitan. Moitas grazas pola vosa colaboración e ata pronto!!!
Os nosos parabéns tamén para Alejandro, Antón e Fran que nos fixeron a presentación das súas nais e axudáronas coa canción.


Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails