25/12/09

IMOS CONTOS A BELÉN!



O martes 22
celebramos no colexio o FESTIVAL DE NADAL coa representación teatral do conto: "Imos contos a Belén". Unha adaptación ao galego do libro escrito por Ana Mª Romero Yebra e ilustrado por Ximena Maier, titulado: "Vamos cuentos a Belén".


En cada curso eliximos uns contos; Carapuchiña, O Soldadiño de Chumbo, Brancaneves, O Ratiño Pérez, Pinocho, Polgariño, Os Tres Porquiños e outras moitas coñecidas personaxes que corren cara o portal de Belén...

21/12/09

CHEGOU O DÍA...

O venres 18, celebramos o día da BIBLIOTÓMBOLA do Nadal 2009.
Comezamos co sorteo, no que cada un dos participantes collemos un número e facíannos entrega do libro correspondente.
A continuación entregamos os premios aos mellores lectores/as de cada curso deste primeiro trimestre.
Finalmente, RAIOTECA trouxo agasallos de Nadal para @s axudantes da biblioteca e un cofre cheo de moedas de chocolate para todos @s nen@s e profes do colexio.
MOITAS GRAZAS RAIOTECA!!!

SORTEO BIBLIOTÓMBOLA on PhotoPeach

20/12/09

LIBROS BIBLIOTÓMBOLA.


Durante toda a semana, as nenas e nenos que aportaron libros para a BIBLIOTÓMBOLA fixeron a súa presentación.
No 2º e 3º ciclo contáronnos como chegou ese libro ás súas mans, que futuro lles gustaría para o seu libro e algo relacionado co seu argumento.
As nenas e nenos de E. Infantil e 1º ciclo fixeron un debuxo e contáronnos moitas cousas interesantes sobre o seu libro. Aquí tedes a reportaxe fotográfica.
Na páxina web colgaremos o vídeo e así poderemos escoitar todas esas fantásticas exposicións.



15/12/09

CONCERTO DIDÁCTICO.

Celebrouse no colexio un concerto didáctico, patrocinado polo Concello de Pontedeume, a cargo dun dúo de corda.
Este concerto estivo dividido en dúas sesións, unha para infantil e 1º ciclo e outra para 2º e 3º ciclo.
Os músicos interpretaron varias pezas segundo as idades dos nenos e nenas, e fixéronos partícipes destes instrumentos e dos seus sons.
Dende a biblioteca esta actividade sérvenos de colofón para a temática deste 1º trimestre: "Ler, cantar, pintar..." de libros relacionados coa expresión artística. Preme AQUÍ.


14/12/09

NADAL SOLIDARIO.





Co lema:

"Entrega aqueles xoguetes que xa non utilices (en bo estado) a nen@s sen recursos"

iniciamos a campaña de recollida de xoguetes para as nenas e nenos que viven coas súas nais no cárcere de Teixeiro.

Dende aquí queremos dar as grazas a todas as familias que colaboraron e sobre todo á profe Ana que foi a promotora desta iniciativa.











13/12/09

BIBLIOTÓMBOLA DE NADAL.

Xa estamos recibindo os libros que entrarán no sorteo da BIBLIOTÓMBOLA de Nadal. Hai libros de todo tipo: de aventuras, contos clásicos, historias de medo, libros de animais...
Se queres acceder ás bases desta actividade clica neste enlace:
Bases da BIBLIOTÓMBOLA.
Para ir á ficha que ten que acompañar ao libro que vai entrar no sorteo, preme AQUÍ.
Hai un modelo de ficha para E. Infantil e 1º ciclo(só debuxo), e outro para 2º e 3º ciclo.

Un libro polo Nadal: "LER, CANTAR, PINTAR..."(CLICA NA FOTO)

No blog do ENDL do cole atoparás un CATÁLOGO DE AGASALLOS DE NADAL EN GALEGO.

10/12/09

10 de Decembro. DÍA DOS DEREITOS HUMANOS.



Hoxe celebramos o día dos DEREITOS HUMANOS .
Os alumnos e alumnas do 3º ciclo fixeron un traballo relacionado coa webquest que propuxemos para esta data e que está enlazada no lateral do blog, pero tamén o alumnado do 2º ciclo participou na gravación do vídeo que elaboramos coas ilustracións. Este foi o resultado.





Un xogo dos DEREITOS HUMANOS. Vía CEIP San Martiño. Preme na imaxe.



Enlazamos unha estupenda recompilación de RECURSOS para traballar o DÍA DOS DEREITOS HUMANOS nas aulas.
Vía biblioteca do
CEIP MESTRES GOLDAR de Vigo:

DEREITOS HUMANOS I

DEREITOS HUMANOS II

DEREITOS HUMANOS III

Para rematar MÚSICA e DEREITOS HUMANOS. Vía Biblioteca Ollos Grandes.

4/12/09

VIAXE A FERROL: Teatro e Xardín Didáctico da Auga.


O venres día 4 viaxamos a Ferrol para asistir a unha obra de teatro no CIFP Rodolfo Ucha e visitar Aquaciencia.

A obra de teatro, "E se xa non hai maxia...", está dirixida aos máis pequenos e relata as aventuras dun grupo de amig@s que viaxan á Illa do Fin do Mundo, alén dos mares, na procura dunha pócema máxica que lles permita recuperar a maxia perdida.
No ano 1997, a iniciativa da profesora do instituto Belén Roca Fortúnez créase o Obradoiro de Teatro do IES Rodolfo Ucha Piñeiro, que ten como obxectivos a potenciación do uso do galego entre os rapaces e rapazas e espertar entre o colectivo do centro do interese polo teatro.


Despois visitamos AQUACIENCIA.
Alí explicáronnos o funcionamento do reloxo de auga, o acueducto, a central hidroeléctrica, o transbordador...
Aquí tedes a reportaxe fotográfica:

TEATRO E AQUACIENCIA on PhotoPeach

3/12/09

29/11/09

CHARLA NA BIBLIOTECA: "Educación medioambiental"



O xoves 26, unha representante da Cooperativa de Educación Medioambiental de Culleredo, Sandra, impartiu unha charla na biblioteca, falounos dos Espazos Naturais Protexidos de Galicia e mostrounos unha presentación con moita información e fotos moi fermosas destes Espazos Naturais .
Foi unha actividade moi interesante. Grazas Sandra.
Parabéns polo voso traballo.

(Para ver a presentación en pantalla completa preme no recadro da dereita.)

24/11/09

25 de novembro, DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER.


Con motivo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER, desde a biblioteca propomos:

A lectura dalgúns dos libros da "Guía de libros coeducativos en galego " elaborada durante o curso 2008/09 polo equipo de biblioteca. Clica na foto.



Un conto novo... para 2º ou 3º ciclo de primaria.

| View Sample Photo Books | Create your own Photo Book


Formato libro AQUÍ

Ademais estase levando a cabo no colexio un OBRADOIRO DE IGUALDADE para o alumnado do 3º ciclo, impartido polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Neste enlace atoparás os contidos deste programa:
PROGRAMA DE INTERVENCIÓN EDUCATIVA EN MATERIA DE
IGUALDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS 2009-2010

Neste enlace os obxectivos, actividades, metodoloxía e seguimento e avaliación:




Kofi Annan, Secretario General de las Naciones Unidas:

"La violencia de género es quizás la más vergonzosa violación de los derechos humanos. Mientras continúe, no podemos afirmar que estemos logrando progresos reales hacia la igualdad, el desarrollo y la paz".




19/11/09

20 de Novembro. Un día para a reflexión.




O venres ,20 de novembro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos de Nenas e Nenos, ou Día Mundial da Infancia. Neste enlace atoparedes a enumeración e explicación destes dereitos:





UN TEXTO PARA A REFLEXIÓN. Clica na imaxe para ver o texto completo.


CAMPAÑA DE PUBLICIDADE CONTRA O CASTIGO FÍSICO INFANTIL:


TAMÉN TEMOS DEBERES: "DEREITOS E DEBERES DAS NENAS E NENOS."


16/11/09

NOVIDADES OQO editora NA NOSA BIBLIOTECA.


Premendo neste enlace poderás acceder ás reseñas de cada un destes novos libros e así será moito máis fácil elixir os que che apetece ler ou levar en empréstito:

14/11/09

SISTEMA SOLAR.


Vía ANB, despois de ler a entrada: "De mi jardín a la Fotopedia", facendo un percorrido polas imaxes da Fotopedia atopei este slide de catro estupendas fotos do Sistema Solar. Se premes no segundo icono da dereita poderás velas en pantalla completa.

12/11/09

LECTURA EN SOPORTE INFORMÁTICO.

Estes días as alumnas e alumnos do 3º ciclo durante a "HORA DE LER" acuden á sala de informática para traballar nunha das dúas webquest propostas a través dos concursos da biblioteca que este 1º trimestre teñen o lema de :
"Un outono de ASTRONOMÍA".

9/11/09

"O DIARIO DE BERTO"

Vía flocos, axencia audiovisual galega, atopamos unha animación titulada:

"O DIARIO DE BERTO"
Inspirado nun conto escrito polo cubano Andrés Pi Andreu, “O Diario de Berto” é o reflexo do mundo actual visto a través dos ollos dun neno de oito anos que vai escribindo as súas impresións nun caderno, a modo de diario. Na serie estarán presentes todo tipo de problemas que comparten as sociedades modernas: a existencia de familias monoparentais, a amizade e tolerancia entre distintas razas, as relacións entre irmáns de distintos pais, a mala alimentación, a hixiene… En definitiva, quere ser unha nova ollada de cara á infancia dun mundo globalizado e cambiante, pero reflectida nunha cidade absolutamente normal, onde a vida semella transcorrer sempre igual.
Se premes na imaxe podes acceder á animación.


7/11/09

QUEN LLE TEN MEDO Á TORMENTA?


O venres día 6, aproveitando a celebración do SAMAÍN , iniciamos as "Lecturas Compartidas" deste curso 09/10 cun libro titulado:
Quen lle ten medo á tormenta?
Dúas alumnas e un alumno de 4º curso: Paula, Alejandra e David, leron para tod@s nós.
Tamén informamos de que temos na biblioteca outros títulos desa colección:

Quen lle ten medo ó lobo?
Quen lle ten medo á araña?
Quen lle ten medo á bruxa?
Seguro que despois de escoitar esta lectura vos animades a ler toda a colección...

Foi moi importante a colaboración da mestre de música , Isabel, acompañada por un grupo de alumnado de 3º e 4 curso, que (ocultos tras un biombo) se encargaron de imitar con instrumentos os sons propios da tormenta e con lanternas os efectos de luz.
Tamén fixemos unha exposición con todas as cabazas que decoramos, os cestos de froitas, as postais e os debuxos. Cantamos cancións de SAMAÍN e bailamos todos/as xuntos/as o baile dos pantasmas. Foi moi divertido.

Fixádevos na cara de susto dalgúns nenos e nenas durante a lectura...


1/11/09

FESTA DE EXALTACIÓN DA FROITA DE OUTONO.


O venres 30 celebramos no colexio a :
"FESTA DE EXALTACIÓN DA FROITA DE OUTONO",
en colaboración coa AGFA (Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume)

ACTIVIDADES:
10:15.- Benvida á festa.
10:30.- Presentación da exposición de froita en concurso.
10:45.- Actuacións dos nenos/as, temas relacionados coa froita: pareados, cancións,
debuxos...
11:30.- Xogos tradicionais, charla e demostración.
12:15.- Entrega de premios do concurso de redacción e debuxo coa lectura
das redaccións gañadoras.
12:45.- Concurso de froita de outono – entrega de premios:
Un premio á mellor variedade en perigo de extinción .
Outro premio á mellor variedade.
13:15.- Degustación de froita ó natural e cociñada preparada polo alumnado de 6º curso de Primaria e por representantes de AGFA , coa colaboración das familias.
________

Dende a Biblioteca estamos a facer unha recompilación con todos os traballos realizados no colexio sobre a FROITA AUTÓCTONA: Debuxos, redaccións, pareados, cancións, receitas; para elaborar un libro que pasará a formar parte da nosa biblioteca, e que levará o título de:
"EXALTACIÓN DA FROITA DE OUTONO"
Reportaxe fotográfica das actividades:


28/10/09

OBRADOIRO DE IGUALDADE NA BIBLIOTECA.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está a impartir no colexio un programa de intervención educativa en materia de IGUALDADE para o 3º ciclo.

OS OBXECTIVOS XERAIS QUE SE PRETENDEN ACADAR SON:

 Sensibilizar á comunidade educativa, alumnado, profesorado e familias, sobre a importancia da coeducación e o traballo na prevención da violencia de xénero.
 Potenciar a incorporación da perspectiva de xénero como metodoloxía de traballo que impregne todas as intervencións educativas, tanto dentro como fora do centro escolar (familia, grupos de iguais...).
 Ofrecer ao alumnado, ao profesorado e as familias as ferramentas necesarias para potenciar actitudes críticas fronte ás diferenzas de xénero.

Queremos agradecer desde aquí a labor que estos equipos comarcais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar están a realizar co profesorado, alumnado e coas familias.
PARABÉNS POR ESTA INICIATIVA.
Reportaxe fotográfica da primeira sesión:


25/10/09

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 09

Daniel Cassany, Glória Durban, Tíscar Lara, Guadalupe Jover, Luis Iza, e representantes de centros de ensino de Galicia que están a desenvolver Proxectos lectores de interese, conformaron o programa dunha actividade anual que concentrou a 1.200 participantes de toda Galicia.
Unha ampla reportaxe do desenvolvemento destas xornadas atopámolo no Segrel do Penedo. Grazas Loly por esta crónica tan completa.
Ademais do programa, sempre de gran calidade, é moi agradable atoparse con xente coa que habitualmente só nos relacionamos de maneira virtual, poñerlles cara e intercambiar saúdos. Aínda que tampouco nestas xornadas conseguimos que RAIOTECA e MIK chegaran a coñecerse, a pesar dos esforzos dunha fada de andeis.
Outra vez será!!!
Para rematar dicir que me gustou especialmente descubrir a Guadalupe Jover, a súa sensibilidade, quédome cunha de tantas ideas : "Os nenos e as nenas demandan máis que nunca que lles lean os pais, nais; por telos aí, a súa voz, a súa mirada, ese vínculo afectivo..."
Unha boa idea para transmitir aos pais, nais ou titores/as do noso alumnado.

19/10/09

MÚSICA E PINTURA.

O equipo de biblioteca acordamos que durante este curso o contido das MOCHILAS VIAXEIRAS esté adicado a un tema, e nesta primeira andadura eliximos a temática: MÚSICA e PINTURA.
Con este motivo estamos a pedir colaboración para elaborar un listado de libros entre os cales podamos elixir dous para cada unha das mochilas, xa que tamén acordamos diminuír o contido, introducir menos material e máis específico, libros e material audiovisual que a maioría das familias non teñen nas súas casas.

A libraría Qimbamba da Coruña enviounos un listado que nos parece de gran interese.
Se clicas na imaxe podes acceder ao listado:



18/10/09

XUNTOS CONTRA A POBREZA. Recursos para a escola.

Con motivo da celebración o 17 de outubro do "Día Internacional para a erradicación
da Pobreza", no lateral esquerdo do blog, engadiuse un apartado con recursos para traballar nas aulas a temática:
XUNTOS CONTRA A POBREZA.

Moitos deles chégannos vía o blog da biblioteca do IES de Fene: O Segrel do Penedo.

(Preme na foto para acceder aos recursos)





Solidariedade coa escola ANSE-A-PITRE

Este blog tamén se une á cadea solidaria que nos chegou de "Bibliotics" e do blog do Departamento de Orientación do CEIP"Otero Pedrayo". É para axudar a unha escola de nenos de 3 a 5 anos en Haití. A iniciativa parte do blog Crea e aprende con Laura, onde nos explican a historia desta escola e deste selo.
NORMAS DO SELO:
1) Pasa este selo polo menos a 5 blogs e se queres, resume a información aquí contida, engade outra ou enlaza este post.
2) Pasa esta información a todos os lugares ou organizacións que creas que poidan colaborar co proxecto da escola (colexios, organizacións, farmacéuticas...).
3) Están invitados a colaborar todos aqueles blogs ou persoas aos que chegue esta información indirectamente ou a vexan colgada.
4) Achega o teu pequeno gran de area, que vai dende colgar e pasar este selo ao que ti queiras.

Os blogs aos que envío este selo son a todos aqueles que se acheguen aquí e mostren interese nesta cadea solidaria.

16/10/09

XOGO SOBRE A DESNUTRICIÓN INFANTIL.


A ONG Médicos sen Fronteiras
ven de producir un xogo
para escolares que informa
sobre a desnutrición
infantil titulado "E comeron
felices… unha historia
optimista sobre a desnutrición
infantil".
Indicado para escolares a partir
dos 10 anos.
(Preme na imaxe para acceder ao xogo).

14/10/09

UNHA NOVA ANDADURA.


O martes 13 comezamos o servizo de empréstitos deste curso 2009/2010.
Durante toda a semana pasada os membros do equipo da biblioteca mantivemos reunións cos axudantes de biblioteca e cos titores e alumn@s de cada un dos ciclos para explicar o funcionamento, normas, distribución dos espazos, horario, empréstitos...
Entregamos a nova guía da biblioteca, a guía de axudantes cos turnos do 1º trimestre e como novidade asignamos a cada curso un día da semana para que poidan estar na biblioteca durante a "Hora de ler".
Tamén presentamos a proposta de Raioteca: "UN OUTONO DE ASTRONOMÍA", con varias modalidades para participar.

PREME NA IMAXE:


30/9/09

Acto de apertura da biblioteca: "SOÑOS DE ANDEL"

O martes 29 celebramos o ACTO DE APERTURA DA BIBLIOTECA.
Tivemos a gran sorte de que as encargadas de descubrir a placa co nome da nosa biblioteca foran Susana Lamela e María Lires, escritora e ilustradora respectivamente de "Soños de Andel", que foi o nome elixido.
A continuación os "Titiriteiros de Andrade" representaron, en guiñol, unha breve adaptación do conto adicada especialmente ás nosas anfitrionas.
Despois unha actuación sorpresa. A maxia fixo que dun libro xigante saíran todas as personaxes que encerran os contos: piratas, magos, princesas, trasnos, bruxas...Para rematar tivemos o pracer de escoitar a Susana e a María nunha charla-coloquio.
Explicáronnos un montón de cousas interesantes, coma que o nome do protagonista de "Soños de andel", Ani, é o nome dun irmán de Susana ou que a María de pequena lle gustaba debuxar os xoguetes que desexaría ter, e sobre todo que a idea principal deste conto é animar a todos aqueles que teñen algún complexo, insistir en que todas e todos temos moito que ofrecer e que se loitamos sempre podemos facer realidade os nosos soños.

Foi unha xornada irrepetible e moi emotiva.

26/9/09

"SOÑOS DE ANDEL"

  • Ao remate do curso pasado o Equipo de Biblioteca xunto co equipo de Normalización e Dinamización Lingüística propuxemos rotular todas as aulas e dependencias do colexio, como explicabamos nunha entrada deste blog con data 23 de xuño: "TÍTULOS DE CONTOS"

    O nome elixido para a biblioteca foi: "Soños de andel", un conto escrito por Susana Lamela e ilustrado por María Lires. Puxémonos en contacto coa escritora para proporlles asistir ao acto de apertura da biblioteca que terá lugar o martes 29; e imos ter a gran sorte de contar coa autora e a ilustradora do libro que lle da nome á nosa biblioteca. Estamos moi entusiasmad@s con esta visita e o programa para ese día é o seguinte:

1.-Descubriremos a placa co nome da biblioteca.

2.-Representación dos Titiriteiros de Andrade: "Soños de andel"

3.-Actuación sorpresa: "Os libros encerran moitas sorpresas, neles viven fadas, magos e princesas..."

4.-Charla-coloquio a cargo de Susana Lamela e María Lires.

20/9/09

"A CASA MÁIS ANIMADA DO MUNDO"


Ola a tod@s!!!
Queremos iniciar as entradas deste curso 2009-2010 coa recomendación dun libro moi especial:
"A casa máis animada do mundo", escrito por CRISTINA SÁEZ CAZALLAS, unha compañeira, mestre no CEIP Ría do Burgo da Coruña; este conto está ilustrado por ALMUDENA APARICIO e editado por BAÍA edicións.
Nel atopamos infinidade de relatos curtos, cheos de imaxinación que nos adentran nun mundo de fantasía... e cunhas ilustracións de gran beleza.
Outros libros desta autora dirixidos ao público infantil e xuvenil son:
"Moko" e "O Sorriso de Rosalía".
Dende o colexio de Andrade desexámosvos un bo curso 2009/10 e que as nosas bibliotecas cheguen a ser as CASAS MÁIS ANIMADAS DO MUNDO.



27/6/09

MOMENTOS 08/09



O luns día 22, último día de clase, tivemos a festa de fin de curso. Ao remate fixemos a entrega de diplomas aos graduados/as de Educación Infantil e aos de Educación Primaria. Aproveitamos tamén para entregar un diploma aos encargados e encargadas de biblioteca en recoñecemento ao seu traballo.

Aquí vos deixamos unha reportaxe dalgúns dos mellores momentos deste curso 2008/09.
O equipo de biblioteca do CEIP de Andrade deséxavos a todas e todos unha felices vacacións de verán, moita saúde e boas lecturas.


MOMENTOS 08/09, Biblioteca CEIP de Andrade. on PhotoPeach
Preme no recadro da dereita e verás o vídeo en pantalla completa.



26/6/09

"MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA..."


Os nosos bonecos sacapenas están listos para emprender unha longa viaxe, fixémolos con toda a ilusión de que alí onde vaian servan para que eses nenos e nenas de Gaza sexan un pouco máis felices.

23/6/09

TÍTULOS DE CONTOS...

O ENDL xunto co Equipo de Biblioteca propuxemos rotular todas as aulas e dependencias do colexio, houbo varias suxerencias: nomes de plantas autóctonas, autores galegos, palabras fermosas, lugares do concello..., pero a máis votada foi a proposta de empregar títulos de contos significativos para os nenos e nenas do cole.

Se clicas nesta foto poderás ver todos os títulos que resultaron elixidos.

Xa imaxinades cal é o título que lle corresponde á Biblioteca:
"Soños de andel"
de Susana Lamela con ilustracións de María Lires.

O vindeiro curso intentaremos contactar con esta escritora, mestre de Ponteareas, para que se é posible veña inaugurar a nova rotulación da nosa biblioteca.

13/6/09

LECTURAS COMPARTIDAS.

Unha das actividades programadas polo Equipo de Biblioteca para este último trimestre é:


LECTURAS COMPARTIDAS:

As alumnas e os alum
nos do 3ºciclo lles leron aos alumnos/as de cursos inferiores, pero tamén os pais, nais ou familiares viñeron ao colexio e lles leron aos nenos e nenas un conto, unha historia ou un relato que puideron traer da casa ou elixilo entre os libros da nosa biblioteca.
Nesta ocasión, Rosa, a nai de Marina e Diego, leunos o conto:

Un rei ambicioso e ruín que pasa as horas contando as súas riquezas; un home e unha muller máis pobres que as arañas; unha aldea de labregos enganados polo monarca; e unha pota que vai dun sitio a outro apañando e repartindo entre os máis desfavorecidos o que, en xustiza, lles corresponde.
Moitas grazas pola túa colaboración!!!

SE QUERES VER A PRESENTACIÓN EN PANTALLA COMPLETA PREME NO RECADRO DAS FRECHAS DO LATERAL DEREITO.


11/6/09

O TREN DA LINGUA.

Un ano máis Caixanova volve organizar viaxes curtas en tren para grupos de nenos/as de entre 5 e 8 anos de diversos colexios de toda Galicia. A semana pasada os alumnos e alumnas do noso colexio viaxaron no tren da lingua dende Ferrol ata Betanzos.
Durante a viaxe houbo grupos de animación e conta contos dispostos a incentivar o uso do galego entre os rapaces.
O proxecto trata de que “os nenos descubran o pracer de viaxar en tren, coñezan Galicia a través das súas fiestras e que se acheguen á cultura e o idioma galego dunha forma activa e visual” segundo palabras do director de Relacións de Caixanova.


1/6/09

HOMENAXE A RAMIRO FONTE.

Ramiro Fonte Crespo, nado en Pontedeume en 1957 e falecido en Barcelona o 11 de outubro de 2008, foi poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega. Foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo (1977). Como narrador deuse a coñecer en 1986 co relato "O retornado", Premio Pedrón de Ouro.
Foi membro correspondente da
Real Academia Galega. Nos últimos anos da súa vida foi director do centro do Instituto Cervantes en Lisboa. Se queres saber algo máis sobre a súa vida e obra preme na foto.
O venres 29, celebrouse en Pontedeume, nos xardíns de Lombardero, un acto en homenaxe a Ramiro Fonte, organizado pola Biblioteca Pública Municipal, en colaboración cos CEIPs do concello; do noso centro acudiron o grupo de alumnas e alumnos de 5º curso, que recitaron tres poemas do libro "O XARDÍN DO PASATEMPO".
Aquí tedes a reportaxe fotográfica:



XUÑO

Sereas de pelo louro,
Un xigante calamar,
Un galeón cun tesouro,
Moran no fondo do mar.
Eu busco ouro de lei,
Pero son un buzo vello,
o escafandro empeñei.
E non me xogo o pelello.
Pero xa me consolei
Dando mergullos no espello.
E encontrei un tiburón,
Da sereíña un colar,
O enferruxado rizón,
Cousas que gardaba o mar.
Ramiro Fonte
"Xardín do pasatempo"

26/5/09

MOSTRA ARTESANAL



O martes 19, todos os colexios de Pontedeume fomos invitados pola Unidade veciñal "OLMO" a visitar unha mostra artesanal e de xogos populares. Había cestería, cerámica de buño, traballos de cantería, ferreiro, torneado de madeira, pirogravado, traballos de bordado e traballos en coiro.


Tamén elaboramos un boliño de pan que comimos con chocolate.

E recibimos un agasallo moi especial, un lote de libros en galego, para a nosa biblioteca.

Parabéns aos organizadores destas actividades e moitas grazas polos agasallos.

Estas son algunhas das portadas dos libros que recibimos desta asociación, para a nosa biblioteca.


20/5/09

ILUSTRACIÓN, MÚSICA E PALABRAS.

Hoxe, os alumnos e alumnas do 3º ciclo do CEIP Couceiro Freixomil e CEIP de Andrade, acudiron á sala de ámbito cultural do Corte Inglés para asistir a unha actividade que a ASOCIACIÓN GALEGA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL (GÁLIX) organiza co motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Tomando como marco tres obras de referencia na nosa literatura, gañadoras dos prestixiosos CORVOS BRANCOS 2009 outorgados pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic(Alemania):



Colaboran: OQO Editora, Xerais e Editorial Galaxia.

De 11h. a 12h. asistimos a un Obradoiro de Ilustración a cargo de RODRIGO CHAO.

De 12h. a 13h. Obradoiro de Microrrelato a cargo de MAR GUERRA.

De 13h. a 14h. Obradoiro de poesía, música e palabras a cargo de XABIER MUGARDOS (Pulpiño Viascón), músico multi-instrumentista e clown, se queres coñecer a súa traxectoria musical preme
aquí.

Foi unha xornada moi intensa, na que desfrutamos un montón: debuxamos, pintamos, escribimos un microrrelato e escoitamos poesía e unha música moi orixinal.

Dende aquí queremos agradecerlle á mestre de música do CEIP Couceiro Freixomil, Pilar, por invitarnos a participar nestas actividades tan interesantes. Moitas grazas!!!

Rematamos cun vídeo titulado:"Pulpiño Viascón e o serrucho máxico". Seguro que vos soa.


15/5/09

LETRAS GALEGAS 2009.

Premendo nesta foto podes acceder ao PROGRAMA DE ACTIVIDADES que realizamos no colexio de Andrade durante a semana do 11 ao 15 de Maio, para celebrar as LETRAS GALEGAS 2009.

O luns xuntámonos todas e todos para ver un vídeo sobre a traxectoria de Ramón Piñeiro. Este vídeo foi elaborado por mestres do colexio de Xinzo de Limia.
Moitas grazas por compartilo!!!


O Martes, os alumnos e alumnas do 2º ciclo recitaron unha poesía, moi divertida, que escribiron eles mesmos/as, para homenaxear a Ramón Piñeiro:

Ramón, Ramón,

se foses de chocolate serías un bombón

porque enchiches de sabedoría ó noso corazón,

e coa túa dozura fuches subindo un escalón.

Grazas as túas ideas e ao teu melón,

chegamos a acadar unha gran colección.

Con Galaxia e con Grial,

fundaches unha editorial,

e xuntas formaron unha empresa fenomenal,

que che deu un aire de intelectual.

Ramón Piñeiro, Ramón Piñeiro,

case sempre levas sombreiro,

o teu oficio é ser libreiro.

Non sei a que te me semellas

con esas grandes orellas,

pero sei que usas lentes

e que tes bos dentes.

E grazas a ti, o galego

seguiu por un bo rego.

Tamén o martes cantamos e bailamos: "O RAP DA LINGUA". Preme aquí.

O mércores, seguindo co programa de Lecturas compartidas, dúas alumnas do 3º ciclo leron o conto: "Chocolata", para os/as mais pequenos/as, e ao remate cantamos a canción, preme aquí.

O xoves, Begoña, a nai de Rebeca de E. Infantil, leunos un conto titulado: "XOGANDO ÁS ADIVIÑAS", ilustrado por Suso Cubeiro, que nos visitou a semana pasada. Pasámolo moi ben intentando solucionar as adiviñas, fixándonos nas pistas que nos daban as ilustracións. Dende aquí queremos agradecerlle a Begoña a súa colaboración.

O venres, os alumnos e alumnas de 3º curso representaron unha obra de teatro titulada: "A Maragota fachendosa e o Polbo fino". Parabéns a este grupo de actores e actrices polo seu traballo. Xa para rematar cantamos unhas cantigas .

Tamén durante toda a semana puidemos participar en actividades de XOGOS POPULARES.

A continuación deixámosvos a reportaxe fotográfica:

ACTIVIDADES LETRAS GALEGAS 2009. on PhotoPeach




SE QUERES VER A PRESENTACIÓN EN PANTALLA COMPLETA PREME NO RECADRO DAS FRECHAS DO LATERAL DEREITO.

14/5/09

TRABALLO COLABORATIVO: "Ramón Piñeiro"


Á entrada do colexio está exposto o traballo que sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro fixemos este ano coa participación de todo o alumnado, dende Educación Infantil ata 6º curso de Educación Primaria.

  • En Educación Infantil recortaron e colorearon as letras dos titulares.
  • En 1º ciclo fixeron unhas divertidas caricaturas.
  • No 2º ciclo elaboraron unha biografía ilustrada e compuxeron un poema en homenaxe á súa traxectoria.
  • No 3º ciclo traballaron sobre as viaxes de Ramón Piñeiro, a súa obra e elaboraron uns pasatempos.

Se premes na imaxe podes ampliar o tamaño.

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails