20/12/11

ROTEIRO POLAS BIBLIOTECAS DO PLAMBE FERROLTERRA

As dúas últimas reunións do Grupo de Bibliotecas de Ferrolterra tiveron lugar en dúas fantásticas Bibliotecas da comarca, enlazamos cada unha delas coa  reportaxe que Loly Lago publicou no blog "O Segrel do Penedo", grazas Loly por este excelente traballo de recompilación.


CEIP San Ramón-Moeche




BIBLIOTÓMBOLA DE NADAL 2011

A actividade estrela nestas datas na Biblioteca é

Este ano realizamos xa a nosa cuarta convocatoria, recordamos as bases:

1.- Para participar nesta actividade, cada alumno/a terá que traer un libro adaptado
á súa idade.


2.- Que sexa un libro que xa fose lido polo alumno/a.

3.- Que o libro estea en bo estado.

4.- O libro terá que vir acompañado dunha ficha, cun comentario persoal ou un debuxo.Esta ficha será entregada aos que queiran participar.

5.- A finalidade desta actividade é que cada alumno/a teña o seu libro como agasallo dun compañeiro/a da escola.

Os libros estarán expostos por ciclos, e a cada libro asignaráselle
un número, co que entrará no sorteo final.

14/12/11

GUÍA DE LECTURAS NADAL 2011

Este ano desde a Biblioteca do CEIP Andrade participamos, xunto con outras Bibliotecas Escolares da zona Ferrolterra, no proxecto: "Coñecernos para querernos", con escolas dos campamentos de refuxiados Saharauis. Por esta razón a nosa guía do nadal 2011 contén unha breve explicación deste proxecto e unha recompilación dalgúns libros de literatura infantil e xuvenil, escritos por Gonzalo Moure, coordinador desta actividade. Clica na foto para acceder á guía:


10/12/11

10 de Decembro: Día dos DDHH


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

4/12/11

OS CONTOS E AS TICS.


Neste curso 2011-2012 o claustro do CEIP Andrade imos realizar un Proxecto de Formación en Centros co título: "Os contos e as TICS",  elaboraremos diferentes recursos e actividades en torno aos contos que en cada ciclo foron seleccionados:

E. Infantil: "A que sabe a lúa?"
1º Ciclo: "Yamina"
2º Ciclo: "O rato solteiro"
3º Ciclo: "Contos vellos para rapaces novos"
               "El enigma Averroes"

27/11/11

LECTURAS COMPARTIDAS. Recompilación


Unha das actividades desenvolvidas na Biblioteca en colaboración coas familias é a de:
LECTURAS COMPARTIDAS:
Invitamos aos pais, nais ou familiares a que veñan ao colexio e lean aos nenos e nenas un conto, historia ou relato. 
Poden traelo da casa ou elexilo entre os libros da nosa biblioteca.
Quen desexa participar nesta actividade debe cubrir un imprexo.
Cando sabemos con canta xente contamos temos unha xuntanza para organizar as lecturas.
Os nenos/as fan unha pequena presentación e ao remate  entregan un agasallo elaborado por eles e un diploma de contacontos.
Ten tan boa acollida que lle adicamos un día á semana na Hora de Ler.
Aquí deixamos unha recompilación das Lecturas Compartidas do curso 2010-2011:

25N. Non á violencia de xénero



Un vídeo, un conto e unha canción:

- Un vídeo: "Maltrato sutil"
- Un conto: "A bruxa Pandora"
- Unha canción: "Ella" de Bebe
- Proposta de actividades.


















 



Se clicas neste enlace podes acceder a unha proposta de actividades para Educación Primaria elaborada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:



20/11/11

11 do 11 do 2011: "O baúl dos monstros", "A min non me comas"



Nunha data tan orixinal: 11 do 11 do 2011, recibimos unha carta da nosa mascota de Biblioteca, RAIOTECA, na que despois de darnos os parabéns polo noso traballo na celebración da Festa da Froita, anuncia que deixou para todos nós dous agasallos lectores: un libro titulado "A min non me comas" e unha colección: "O baúl dos monstros".
Para celebralo asistimos a un teatro lido, representado por alumnos/as desde 1º ata 3º ciclo, do conto: "A min non me comas" e despois un grupo de nenas e nenos explicánnos o que necesitamos para chegar a ser auténticas bruxas, pantasmas ou vampiros tal e como aparece nos contos da colección: "O baúl dos monstros"







11 do 11 do 2011 on PhotoPeach


IV FESTA DA FROITA AUTÓCTONA DO EUME

O venres 28 de Outubro celebramos a IV Festa da Froita Autóctona do Eume  en colaboración con AGFA do Eume (Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume). Desde a Biblioteca propuxemos a lectura do libro de Xoán Farias "Desde o corazón da mazá", coa presentación do glogster que elaboramos para colaborar có proxecto do Plambe Ferrolterra. Ese día o alumnado fixo a lectura dalgúns fragmentos que fan referencia á recolleita da mazá. Tamén elaboramos un libro de recompilación de redacións e debuxos co título: "Froita autóctona do Eume". O alumnado do 1º ciclo presentou un libro moi interesante e divertido de poemas de outono.






20/10/11

APERTURA BIBLIOTECA

Comezamos unha nova andadura. A nosa mascota Raioteca regresa dunha longa viaxe, e tendo en conta as suxestións que recolle no buzón da biblioteca, ven cargada cun montón de novas adquisicións. Todo o alumnado do colexio pasa estos días pola biblioteca para recordar as normas de uso, horario, emprestitos, distribución dos espazos, presentación do novo equipo de alumnos/as colaboradores, club de lectura, hora de ler. Previamente tivemos unha reunión coas titoras ás que lles entregamos unha carpeta que contén:
  • Guía da biblioteca.
  • Calendario do Libro e a Lectura.
  • Titoriais de Recursos Meiga.
  • En que consiste a "Hora de Ler"?
  • Mochilas Viaxeiras.
  • Decálogo Lector.
  • Itinerarios Lectores. 


13/9/11

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES


Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

23/8/11

LECTURAS COMPARTIDAS XV

Inés, a nai de Icia, do 3º curso, presentounos o conto: "Palabra de crocodilo":

"Como o vello crocodilo quería chegar ao río, e Bamako necesitaba cruzar á outra beira, ambos decidiron axudarse mutuamente. Pero cando o crocodilo estaba na auga, entráronlle unhas ganas irresistibles de comer ao neno. «Non é xusto, fixemos un pacto», queixouse o pequeno. Decidiron consultar á árbore e ao burro, pero os dous animaron ao réptil a comer a Bamako e vingar así os abusos dos homes contra os animais. Entón, a lebre, coa súa astucia, dálle a volta á situación, e finalmente todo acaba ben..."

É un conto con moita mensaxe e unhas preciosas ilustracións. Queremos dar as grazas a Inés por darnos a coñecer unha historia tan interesante. Moitas grazas tamén a Icia pola presentación que nos fixo da súa nai.
Parabéns ás dúas e ata pronto!!!


LECTURAS COMPARTIDAS XIV



Clara, a nai de Martín, e Verónica, a nai de Eugym, alumnos de E.Infantil de 3 anos, presentáronnos o conto: "Os chivos chivóns", pero dunha forma ben orixinal, representado en teatro de sombras.

Foi moi divertido. Todos disfrutamos moito coa representación.

Desde aquí queremos darlle as grazas a Clara e Verónica polo seu traballo e o seu entusiasmo. Teñen ben merecido o diploma de contacontos.
Martín e Eugym fixeron tamén un bo traballo como presentadores.
Parabéns a todos e ata pronto!!!

LECTURAS COMPARTIDAS XIV on PhotoPeach

12/7/11

Premio "Sunshine Award 2011"


Recibimos unha agradable sorpresa dende un dos blogues da web de Bibliotecas Escolares de Galicia:
O agasallo "Sunshine Award 2011".
Queremos mostrar o noso agradecemento e mandarlles un agarimoso saúdo.
 Para cumprir cos requisitos esixidos publicamos a lista de blogues que nós consideramos merecedores deste agasallo. Son dous enlaces:
Consideramos que todos eles son unha fiestra aberta que nos mostran a importante labor, ao redor do libro e a lectura, que se está levando a cabo en todas e cada unha destas Bibliotecas Escolares de centros de ensino público de Galicia. 

12/6/11

DESPEDIDA CLUB DE LECTURA 2010/2011

Esta semana tivemos a última reunión do Club de Lectura deste curso 2010/2011. Fixemos unha posta en común das nosas impresións despois da lectura  do libro de Antón Cortizas:
"O Conto dos sete medos".
A todos os membros do club pareceunos un libro moi divertido e ameno e serviunos de punto de partida para que cada un de nós contara os seus propios medos. Chegamos á conclusión de que todos temos medos e algúns ben extravagantes...

 


LECTURAS COMPARTIDAS XIII

O xoves día 9, Sandra, a nai de Iago de Infantil 5 anos, presentounos o conto: ¿De qué tienes miedo? de Violeta Monreal, un fantástico libro con preciosas ilustracións.
Genoveva é unha araña que da medo a todo o mundo. E quere saber por qué se asustan. A través das páxinas deste libro, varios nenos e nenas contestan a mesma preganta: De que tes medo?
Moitas grazas Sandra pola túa lectura e a túa colaboración no proxecto "Lecturas Compartidas"
Ata pronto!!!




 

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2011

11/6/11

ROTEIRO BIBLIOTECAS PLAMBE FERROLTERRA.

Visitamos a Biblioteca do CEIP "O Ramo" de Barallobre, unha biblioteca chea de vida e cunhas magníficas anfitrionas.
Moitas grazas !!!
Deixamos un enlace á fántastica reportaxe que Loly nos aporta dende o blog da Biblioteca do IES de Fene "O Segrel do Penedo"



O roteiro continua coa visita á Biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol. Nesta ocasión non puidemos asistir pero deixamos un enlace á reportaxe fotográfica.




6/6/11

LECTURAS COMPARTIDAS XII





O xoves, a nai de Alex de 2º curso presentounos o conto: "O señor mago e a folla", un libro moi especial para todos nós, sobre todo porque está ilustrado por Suso Cubeiro que tivemos a sorte de telo no colexio. 
Alex fixo a presentación da súa nai e Mª José demostrounos que é unha estupenda contacontos. Ten ben merecido o diploma. Dende aquí queremos agradecerlle a súa colaboración.
Moitas grazas e ata pronto!!!

LECTURAS COMPARTIDAS XII on PhotoPeach


2/6/11

"A insoportable levedade das bibes galegas"

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

1/6/11

LECTURAS COMPARTIDAS XI


Continuamos con  LECTURAS COMPARTIDAS, esta vez visítanos a avoa de María do 2º curso, chámase Lolita, e presentounos un conto de tradición oral: "Xoán tonto". Todos estivemos moi atentos para non perdernos nada desta historia tan interesante, ademais mentres escoitabamos íamos vendo os debuxos que os nenos e nenas de 2º curso fixeron para ilustrar o conto. Foi unha sesión de contacontos do máis orixinal e entretida. Dende aquí queremos darlle as grazas a Lolita pola súa colaboración e por facernos pasar un rato tan agradable. Os nosos parabéns para ela e para súa neta María que ademáis fíxonos unha fantástica presentación da súa avoa.            Moitas grazas e ata pronto!!! 


                

LECTURAS COMPARTIDAS X

O xoves 20, tivemos unha visita moi especial, Betty e Vicky, a nai de Fran e Alejandro e a nai de Antón de E. Infantil. Elas foron as nosas protagonistas, unhas fantásticas contacontos. Presentáronnos o conto: "La gallina Churra", foi unha sesión moi divertida, con canción incluida. Esperamos que repitan. Moitas grazas pola vosa colaboración e ata pronto!!!
Os nosos parabéns tamén para Alejandro, Antón e Fran que nos fixeron a presentación das súas nais e axudáronas coa canción.


29/5/11

MADRIÑAS E PADRIÑOS LECTORES.

Dentro do proxecto "LECTURAS COMPARTIDAS", o alumnado do 3º ciclo e de 4º curso de Primaria comparte lecturas coas nenas e nenos de Educación Infantil, 1º ciclo e 3º curso de Primaria.Os padriños e madriñas preparan o conto que lle van ler aos seus afillad@s e ao día seguinte, na "Hora de Ler", acoden ás aulas a buscalos; Os padriños e madriñas elixen o libro e o lugar onde queren estar. Pode ser en calquera sitio do colexio.

17/5/11

LETRAS GALEGAS 2011. SALVANDO LIBROS.

SALVANDO LIBROS

Que libro salvarías ti?

Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.

Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.

Maio 2011

Queremos dar  moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.

Podedes ver o perfil de Jaime, arquitecto e debuxante, aquí

e algunhas das interesantes cousas que fai aqui
e tamén aquí….

Grazas de novo, Jaime, pola túa xenerosidade



salvandogrande


1 5
3 2




4


Moitísimos libros están a ser salvados nas nosas bibliotecas, que organizan as súas propias exposicións e actos.

Esta é só unha pequena escolma dos que representan a cada un dos centros que participaron na actividade.

Salvar un libro consiste en aprender de memoria un pequeno fragmento para simbolizar a asimilación de todo o seu contido. Entón xa seremos unha persoa-libro e poderemos preservalo para sempre. 

A idea está baseada na obra de Ray Bradbury “Fahrenheit 451”.

Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Infantil




 Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Primaria




Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Ensino Secundario e algúns persoeiros relacionados co mundo das letras e a cultura





  ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:





LETRAS GALEGAS 2011. LOIS PEREIRO.

Se premes ao pé da foto poderás acceder a unha recompilación dos traballos realizados polas Bibliotecas Escolares Galegas arredor da figura de Lois Pereiro. Chéganos dende o blog Trafegando Ronseis. Moitas grazas a Gracia Santorum por compartilo.

 
LOIS PEREIRO. BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS.
A nosa aportación é un traballo colaborativo baseado no poema Que é Galicia?




16/5/11

LECTURAS COMPARTIDAS IX

O venres día 13 recibimos no colexio ao pai de Xoana, alumna do 2º ciclo.

Miguel Anxo leunos un precioso conto titulado "Titiritesa": No reino de Trasantonte vivía a princesa Titiritesa. O que máis lle gustaba era comer terróns de azucre e enlamarse nas pozas, cousa que facía rabiar á súa mai, a raíña Mandolina, que soñaba con vela casada. Ela soñaba con explorar o mundo nun cabalo azul...
É un excelente contacontos e fíxonos pasar un rato moi divertido.
Moitas grazas pola túa colaboración.
Ata pronto!!!
Deixámosvos a reportaxe fotográfica onde tamén aparece Xoana facendo unha fantástica presentación do seu pai.

14/5/11

"Un soño na bandexa" Marine e Jorge.

O venres 6 de maio, recibimos no colexio unha visita moi especial, a escritora e o ilustrador do libro: "Un soño na bandexa": Marine Lorenzo Corcoba e Jorge Vázquez.
Marine contounos moitas cousas sobre a súa historia persoal e profesional:
"Son nai adoptiva. Tres nenos chamaron un día á miña vida e iluminárona de recordos da miña nenez. A maior chegou con cinco anos. Ao chegar á súa adolescencia, un tremendo cancro fíxoa madurar durante dous longos anos de loita, anos nos que lle escribín moito e lle lin moito máis. Unha tarde de verán, entre os meus brazos, rodeada dos seus irmáns, sentín que xa non me falaría xamais e, non obstante, non deixarei de escribir pensando nela.
Así nace "Un soño na bandexa" como unha ponte que me une a todos os nenos, como unha ilusión convertida en realidade."

Jorge explicounos que o que máis lle gustaba era debuxar, e coa súa axuda fixemos o retrato dun camareiro moi rechulo.
Tamén nos comentaron que "Un soño na bandexa" é un libro solidario; todos os beneficios que aporte irán destinados á loita contra o cancro.
Moitas grazas Marine e Jorge. Parabéns por facer posible este libro!!!
Ata pronto.





LECTURAS COMPARTIDAS VIII


Continuando co proxecto "Lecturas Compartidas" recibimos a visita de María, a nai de Inés e Matias, que nos presentaron e nos contaron moitas cousas da súa nai.
A continuación María leunos o conto "A lúa ladroa" que nos gustou moito. Dende aquí queremos darlle os parabéns e agradecerlle a súa colaboración.



Ese día contamos tamén coa presenza das nenas e nenos de "Preescolar na casa" que nos acompañaron na lectura do conto.


Aquí tedes as fotos:

LECTURAS COMPARTIDAS VIII on PhotoPeach






Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails