7/3/09

"A MULLER ANÓNIMA"

A MULLER ANÓNIMA

Mulleres que todo o facían cun sorriso nos beizos, mulleres que
traballaban de sol a sol nas eiras, sementando e recollendo os
froitos da terra, cruzando os montes neses chuviosos días de
inverno, lavando roupa á beira do río, camiñando pola lama coa
pesada carga ó lombo entre a brétema e o frío que chegaba
ata ós osos, cociñando ricas comidas co pouco que tiñan...

Mulleres que traballaban fóra e dentro da casa, usando a
gadaña e o fouciño nas tarefas agrícolas coas mesmas mans que
sostiñan no colo ás fillas e fillos, cun canto de berce á calor da
lareira.

Mulleres que todo o facían cantando, que daban todo polos
demais, mulleres fortes por fóra pero cun corazón moi grande
por dentro, viúvas de vivos e viúvas de mortos.

Mulleres que viron partir ós seus homes e fillos á emigración,
quedando ao coidado das casas, esperando días e anos as
cartas que traían as noticias de América, deses seres amados
que en moitos casos non viron nunca máis.
Muller, nai, filla, labrega, marisqueira...

"Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará".
ROSALÍA DE CASTRO, "FOLLAS NOVAS", 1880
Este texto forma parte dun material que foi enviado á noso Centro polo CONSORCIO GALEGO DE SERVICIOS DE IGUALDADE E BENESTAR para traballar o "Día Internacional da Muller". Durante todo este curso 2008/09 dúas monitoras que pertencen a esta entidade están impartindo un obradoiro de "Igualdade" para as alumnas e alumnos do terceiro ciclo.
Dende aquí queremos darlles as grazas e os nosos parabéns polo seu traballo.

1 comentario:

Ronsel dijo...

Fermoso post. Co voso permiso, copio e pego. Grazas.
Saúdos

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails