21/5/17

PROPOSTA DÍA DO LIBRO 2017: OBRADOIRO KALANDRAKA

O pasado venres día 19 de maio a Editorial Kalandraka propúxolle aos nenos/as de 5º e 6º curso de Educación Primaria un obradoiro de escrita. O ilustrador Pablo Otero, acompañóunos nunha mañá moi creativa na que os rapaces tiveron que elaborar unhas postais moi orixinais partindo dunha foto antiga e un obxecto. Parabéns! O resumo desta mañá en imaxes.










Este ano Raioteca seleccionou unha serie de libros relacionados co Proxecto Interdisciplinar de Centro "Hábitos de vida saudable". Neste caso A cociña de Toto Murube foi o punto de partida para este obradoiro.

A persoaxe principal deste libro chámase Toto Murube, o cal non tivo sorte na vida; de condición humilde, non puido estudar, nin sequera aprendeu a ler. Quizais por iso era un mendigo máis a vagar pola gran cidade. Algunhas noites, mentres durmía no chan do caixeiro dun banco, soñaba que a súa sorte cambiaría e que chegaría a comer o mundo. Que inxenuo, verdade? Aínda que… ás veces, a realidade supera ata os mesmos soños. Despois de “Sopa de soño”, José Antonio Ramírez Lozano volve apostar pola gastronomía das palabras e da imaxinación cunha divertida historia ambientada nun contexto que non é alleo ás adversidades do noso tempo. No restaurante máxico de Toto Murube non hai garfos nin culleres, nin fumes nin restos de comida. As súas receitas sacian e alimentan a fame do mundo enteiro: ensalada de etiquetas, filetes de capricornio, peras en verso... Menús insólitos e saudables que fortalecen a creatividade dos comensais/lectores. Pablo Otero acompaña este exótico recetario cunhas ilustracións sinxelas que xogan coa cor, coa xeometría e co alfabeto. 
José Antonio Ramírez Lozano (Nogales, Badaxoz, 1950) Poeta, narrador e profesor de Literatura en Educación Secundaria. É autor de varios libros de narrativa e de relato xuvenil; entre eles, “Sopa de soño e outras receitas de cocociña” (Kalandraka). Na súa ampla traxectoria recibiu máis dunha vintena de premios, entre os que figuran o Juan Ramón Jiménez, o Rafael Alberti e o VIII Premio Nacional de Poesía Real Sitio y Villa de Aranjuez. 
Pablo Otero (Ourense, 1970) Estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Os seus debuxos, esculturas e pinturas expuxéronse en diversas galerías galegas. A súa traxectoria artística tamén está relacionada coas escenografías para teatro e a creación de cartaces. Recibiu, entre outras distincións, o 1º premio de escultura no I Salón de Arte Xove de Ourense (1992) e un accésit do Premio Lazarillo. Como ilustrador, destacan títulos como “O príncipe das sombras”, “Gramática da fantasía”, “Contos por teléfono” (Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2011, Asociación Galega de Editores) e, tamén como autor, “ABCdiario” (Kalandraka). 

No hay comentarios:

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails