31/10/08

"A ESTACIÓN SOMBRÍA"


Nas estacións do ano celta, o SAMAÍN, 1 de Novembro, era o comezo do inverno, a estación sombría.

A antiga festividade céltica do Samain foi habitualmente descrita como unha comunión cos espíritus dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.

Polo samain era costume baleirar nabos de grande tamaño –posteriormente cabazas- para porlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galicia- ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ter exportado aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX e comezos do XX.



O xoves día 30 celebramos a festa do "Samaín" no colexio, as actividades foron moi variadas:
As alumnas/os do 4º curso fixeron a representación teatral: "Indo para o Samaín".
Os nenos e nenas de 3º bailaron o "baile dos pantasmas".
Os alumnos/as de 1º Ciclo cantáronnos unha canción en inglés cunha proxección na que aparecían e desaparecían cabazas que eles chamaban "pumpkin lanterns".
No 3º ciclo, os rapaces e rapazas de 5º curso léronnos e explicáronnos moitas cousas sobre esta festividade. Os alumnos/as de 6º, seguindo co obradoiro de cociña, fixeron para todos nós un BIZCOITO DE CABAZA, que estaba boísimo.
Ao remate cantamos a canción do grupo Mamá Cabra: "Samaín".
Parabéns a todos e todas polo voso traballo!!!



29/10/08

"INDO PARA O SAMAÍN"


O xoves día 30, celebraremos
O SAMAÍN. As alumnas e alumnos do 2º ciclo van facer unha representación teatral dunha obra titulada: "INDO PARA O SAMAÍN", seguro que será moi divertida, se che gusta e queres ler o libro, temos uns cantos exemplares na biblioteca.
Ao remate todos e todas cantaremos xuntos/as a canción do grupo Mamá Cabra:
"SAMAÍN".
Dende o blog da biblioteca do CEIP Mestres Goldar de Vigo chéganos este estupendo video que nos ilustra a canción.



28/10/08

Os libros de Agustín Fernández Paz na nosa biblioteca.


Agustín Fernández Paz, premio nacional de LITERATURA INFANTIL E XUVENIL.
Estes son algúns dos títulos deste autor que temos na biblioteca do colexio. No noso catálogo Meiga na rede atoparás un pequeno resumo do argumento de cada un deles.


27/10/08

"A CELEBRACIÓN DO DÍA 24"


Coincidindo co "DÍA DA BIBLIOTECA", o venres 24 celebramos no colexio "A FESTA DA EXALTACIÓN DA FROITA DE OUTONO" en colaboración con AGFA do Eume (Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume).
As alumnas e alumnos aportaron nese día unha morea de actividades relacionadas coa froita de Outono e sobre todo coa MAZÁ:

  • As nenas e nenos de Educación Infantil agasalláronnos cunha cantiga creada por eles mesmos e titulada: "Comendo froita".

  • O alumnado de 1º e 2º de Primaria recitounos un poema de Outono: "O vento toleirón" e puxéronnos a proba cunhas adiviñas moi divertidas.

  • As alumnas/os de 3º curso léronnos un conto sobre froitas e cada un deles escribiu e ilustrou un poema adicado á mazá.

  • Os nenos e nenas de 4º curso escribiron uns textos moi interesantes sobre as froitas e léronnos unhas recomendacións moi saudables sobre alimentación e exercicio físico.

  • En 5º curso hai uns poetas de moito renome e agasalláronnos cuns poemas moi fermosos sobre as árbores.

  • As alumnas e alumnos de 6º curso fixeron unha selección de receitas elaboradas con mazás e cociñaron para todos nós. Ao remate prepararon unha exquisita degustación destas receitas feitas con mazá.

  • Todos e todas cantamos unha canción moi saudable, titulada: "Toma moita froita, moita froita fresca".

Esta é unha mostra dalgunhas destas actividades. Temos pendente o libro de poemas de 5º curso e o libro de receitas con mazá de 6º curso. En canto os teñamos serán tamén publicados neste blog.








RECORDA QUE SE QUERES VELO EN GRANDE TES QUE PREMER EN "OPEN PUBLICATION".

Dende a Biblioteca aproveitamos a ocasión para propoñer como temática de Outono: "LIBROS SAUDABLES" estamos a facer unha recopilación para cada un dos ciclos e iremos presentando distintas actividades relacionadas con estas lecturas: Ilustracións, caza do tesouro e concursos.






Tivemos tamén unha charla moi interesante: "A froita e a súa importancia na nosa dieta".
Aportáronnos este material :








Os xornais e a TVG recolleron tamén as actividades que celebramos neste día, se queres ver os videos da TVG preme nestes enlaces:

"FESTA DE EXALTACIÓN DA FROITA DE OUTONO"

"ACTIVIDADES DO DÍA 24 DE OUTUBRO"

20/10/08

Apertura da Biblioteca, curso 08/09.


O Venres 17 ás 12 celebramos o acto de APERTURA DA BIBLIOTECA.
Presentáronnos ao novo equipo de alumnos/as colaboradores/as , aos que lles foi entregada unha chapa identificativa.
Entregáronse os novos carnés e as Guías da Biblioteca.
Contáronnos que a Temática de Outono elexida polo equipo de bibloteca será: "Lecturas Saudables" relacionadas con hábitos saudables de alimentación, exercicio físico, hixiene ...
Presentaron tamén as Novidades, os libros adquiridos recentemente.
Fixemos unha exposición de marcadores e marcapáxinas á entrada do colexio.
Explicáronnos en que ía consistir "A HORA DE LER".
Ao remate Raioteca desexounos un curso cheo de boas lecturas e degustamos as galletas elaboradas polos lectores e lectoras de Andrade no Obradoiro de Alimentación.


Biblio4
View SlideShare presentation or Upload your own.

19/10/08

Libros e Lectura con "L" de Liberdade.(Antonio Basanta)


"Ler, mais como un dereito que como un deber".(Antonio Basanta)
"Ler, sen pedir nada a cambio".
Baixo o lema BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER celebráronse en Santiago de Compostela os días 17 e 18 os II ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, dirixidos ao profesorado galego interesado e involucrado na xestión e dinamización das bibliotecas escolares.
Un montón de experiencias das que sacar infinidade de ideas, relatores moi interesantes e sobre todo o reencontro con xente cun obxectivo común: facer das bibliotecas dos nosos centros peza dinamizadora da Vida Escolar.
Tarefa ás veces nada fácil, polo que necesitamos saber que temos compañeiros/as cos mesmos atrancos, con quen compartir vivencias, e non sempre a través da rede. Poñerlle cara a moitas persoas que tantas veces nos axudan.
Unha experiencia moi gratificante e moi ben organizada.

Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails